29/9/11

Pascual e Salvador


Seica no primeiro terzo do século XX uns emigrados de Puebla de Lillo a México voltaron ao pobo portando nas maletas moreas de cartos e no maxín ideas anarquistas. O primeiro que fixeron foi unha grandiosa biblioteca, fornecendo a cada casa duns cantos ferrados de libros, sobre todo clásicos da literatura universal, cunha certa querencia polos autores gregos, franceses e rusos. Pascual e Salvador medraron nese ambiente, e as leituras servíronlle para abrirse camiño na vida, un como Garda de Asalto e o outro como aprendiz de mestre.
Cando se subleva o exército de África, no pobo non saben o que está a acontecer. Nas últimas eleccións gañara a Fronte Popular, grazas sobre todo aos votos dos militantes da Unión Repblicana do leonés Odón. Tamén axudaran os azañistas e os socialistas. Comunistas apenas había. E a dereita contaba con boa saúde. Naqueles días do golpe de Estado, o centro informativo radicaba na estafeta de correos, dende onde enviaron a Salvador en bicicleta a por novas da guerra, á vila de Boñar. Nada máis chegar os falanxistas aplicáronlle un litro de aceite de ricino. Non fixeron falla máis avisos. Antes da chegada da centuria dos falaxistas e o tabor de regulares, rapaces como Salvador e Pascual buliron cara aos portos de Tarna e San Isidro para formaren parte do Exército Popular. A fronte quedou estabilizada cun valado electrificado que discorría ao sopé do Peña del Águila, en mans franquistas, e da dorsal da Granda, sobre a aldea de Cofiñal. En toda esta paisaxe militarizada sobrancea como eixo vertebrador do espazo un cumio penedío que se ergue coma un volcán no fondo de val dun pequeno afluente do río Porma: o cueto de Castiltejón. Castro da Idade do Ferro, oteadeiro de osos nos tempos baixomedievais e escenario mítico de lendas de mouros, ouros e tesouros agochados, foi reocupado no outono de 1936 por unha posición militar republicana. Os batallóns de fortificación do Consello Rexional de Asturias e León así como a comunidade local traballaron arreo para escavar liñas de trincheiras que aínda gabean polas abas do vello asentamento prerromano, rachando o monumental trazado de socalcos, cómaros e murallas. Varios pozos de tirador coroan os puntos máis estratéxicos, mentres nun rechao superior, fronte á Peña del Águila, se escañou unha sorte de observatorio e punto de comunicación cuberto cunha placa de formigón, mistura de morrillo, coios e cemento ruín. O sistema defensivo completouse cunha cova escavada na rocha, con senllas galerías rematadas en troneiras (rosetóns de caliza e lume) orientadas cara ás posicións franquistas. Estas covas-refuxio foron unha innovación poliercética levada a cabo polos mineiros asturianos, bercianos e leoneses, moi efectivas contra os ataques da superior aviación inimiga. Mesmo nas memorias dun membro da Lexión Cóndor se cita a efectividade deste tipo de solucións defensivas.
No mes de maio de 1937 ten lugar a última ofensiva republicana co gallo de conquerir Puebla de Lillo. Na Peña del Águila morreron homes a mancheas. Os moros levaron todas as de perder até darse o caso de que as últimas cargas para desaloxar aos republicanos facíanse cos sarxentos apuntado coas pistolas aos marroquinos. Cousas da guerra colonial. O fracaso da ofensiva supuxo o comezo da fin. Franco dá orde de solventar a Fronte Norte antes do inverno. Salvador e Pascual saben que pouco queda por facer. Aillado o Consello de Asturias e León os problemas de suministro son insalvables. E a non falemos de armamento. Mentres eles contaban con excedentes da Primera Guerra Mundial (como as balas ianquies Western de 1916, 1917 e 1918, vendidas aos franceses que despois revenderon aos rusos e despois os xa soviéticos enviaron como axuda á República española) os sublevados contaban con balas nazis (alemás e austríacas) do trinque.
Estas dúas semanas atrás fixemos unha escavación arqueolóxica no refuxio ocupado, entre outros, por Salvador e Pascual. Bombardeado pola Lexión Cóndor en maio de 1937 foi reocupado até a batalla final de setembro do mesmo ano. As posicións de Castiltejón e Arboleya quedaron copadas por unha manobra envolvente dirixida, entre outros, por Muñoz Grandes, futuro xeneral da División Azul e ministro de Franco. Chegou o intre da derrota. Salvador e Pascual quecen as maos nunha pequena fogueira improvisada dentro do refuxio, lamben as últimas pingueiras do leite condensado na lata de La Rosita (empresa madrileña confiscada polos milicianos), abren a última lata de sardiñas “Importé d’Espagne”. Manda truco. Se tivesen chegado suministros de armas da Francia da Fronte Popular en vez de sardiñas outro galo cantaría, pensa Pascual. E Salvador replica: e por riba as sardiñas xa eran nosas, mecago en mi manto!
Botan unha soneca e ao abrente deciden entregarse na recta de Lillo. Salvador guinda pola aba abaixo o seu casco checoslovaco, afuracado, orfo. Un grupo de falanxistas e outro dunha brigada navarra fanse cargo deles. Tan pronto como estran o Mauser ao chao, cáelles unha malleira. Nesta fronte, non se cumpriu a idílica orde de non represaliar a aqueles que non tivesen “delictos de sangue”, segundo a terminoloxía dos sublevados. Os soldados republicanos que se entregaron foron torturados e afusilados sen compaixón. Con Salvador e Pascual ían dous irmáns asturianos, cantareiros que gravaran un disco de cantos populares no tempo das Misións Pedagóxicas. Tivéronos cantando toda a tarde e pola noite asasináronos na tapia do camposanto, xunto cos dous amigos de Castiltejón. Aquela noite os regulares acendían unha nova fogueira na fría noite botando man da biblioteca das casas. As faíscas escoaban no ar xunto coa cinsa degoldrada sobre os restos queimados de obras de Platón, Sófocles e Esquilo.
Na cova do cueto de Castiltejón aínda se poden ver hoxe gravadas a lapis na rocha caliza os nomes de Salvador e Pascual, ao carón duns números posiblemente correspondentes á calibración dunha peza de artillería. A caída da fronte dos Portos conlevou a conquista definitiva de Asturias, caíndo Xixón a fins de outubro de 1937. A República española comezaba a perder a guerra.

Fotografía de Víctor García Rodríguez.
Publicado orixinalmente en Galicia Confidencial.

2 comentarios:

Roberto dijo...

Xurxo,

Me he leído de un tirón todas las entradas referidas a las excavaciones de la guerra civil. Apasionante, aunque mi fastuoso dominio del mosaico lingüístico galaico-brasileiro-portugues no me permita a veces apreciar las sutilezas de tu pluma (algunas palabrillas que deben de datar de la Edad del Hierro...).

Acabo de enterarme de que la ínclita Generalitat ha requisado a Charlie y todo el material excavado. Sí señor, ¡viva Jaume I!

Un abrazo desde León.

El Ayán dijo...

Bicos amigo, a ver cuando nos vemos. Saúde e República.