25/9/11

Homenaxe



Esta é a primeira exhumación con metodoloxía arqueolóxica do corpo dun brigadista internacional no Estado español. Como comenta Jacinto Antón, a emoción chegou a todos os membros do equipo, por moitas razóns. Por rexistrar cada detalle da morte cruel dun mozo. Polo estado de conservación dos restos. Porque é un paso máis no recoñecemento da utilidade científica, social e crítica da Arqueoloxía do pasado contemporáneo. Porque é un paso máis que anima aos voluntarios de Lo Riu, Associació per l'Estudi del Patrimoni Arqueológic i Històric de les Terres del Ebre a seguir traballando pola memoria histórica do seu berce. Porque non todos foron iguais. Porque non abrimos feridas. As únicas feridas reais son as que se testemuñan no corpo destrozado deste voluntario anónimo.
En Luna de lobos, de Julio Llamazares, os guerrilleiros protagonistas apresan a un crego delator e obrígano a rezar na foxa na que foi soterrado un compañeiro: ¡No es un perro, coño, es un hombre! berra o irmao do falecido. Charly non é un can. Recuperar o seu corpo é a mellor homenaxe que lle podemos facer. Posiblemente os seus restos vaian acougar para sempre no memorial de Les Camposines.
Saúde e República, Charly.

Fotografía de época: fotograma dun documental gravado polos membros da Brigada Lincoln en Catalunya e Aragón pouco antes do inicio da batalla do Ebro. Cinta descoberta en Nova Iorque en 2010.

No hay comentarios: