Furtivos e furtificacións
Unha das cousas que máis nos chaman a atención desta estadía por terras de Lillo é a grande cantidade de afeccionados á Arqueoloxía, furtivos e amantes dos detectores de metais que hai por estes lares. Este tema, o da relación entre científicos e esta xente, é delicado, e interesante. Polo momento temos identificado varios tipos de persoas. Hoxe vánvos tres:
O castrólogo chungo. Home gris, erudito local xubilado que ten adicado a súa vida ao estudo da historia da comarca de turno. Mal educado, adopta unha postura de desconfianza e recelo cara aos arqueólogos oficiais. Con todo, a súa curiosidade pode máis, comeza a durmir mal pensando que farán estes guajes no seu territorio. Por suposto, parte da base de que non temos nin puta idea. A nosa primeira conversa foi así: Sen saúdar nin nada. Quién sóis? Para quién trabajáis? Que buscáis? Trala resposta ao interrogatorio, pregunta se utilizamos detector de metais. No... A súa lacónica resposta: Pues entonces es difícil. Este home dínos que da guerra non sabe nada. Por suposto, ten escrito dous volumes sobre a historia da zona cuns cantos folios sobre a guerra. Volumes que non pensa dar a coñecer e supoñemos levará canda a el á tumba. Dende aquela, nin saúda, pero se preocupa polas novas de prensa que reflicten o noso traballo. Unha tarde, aparece na terraza do bar no que estamos e con ese estilo mafioso tan característico, limítase a afirmar: O sea que encontrásteis una fíbula. E cunha cara de tolo, repite varias veces ¿Dónde salió, dónde salió, dónde salió? Quiero verla, aunque sea para dibujarla. Un compañeiro, experto nos castros astur leoneses fornécelle información sobre a peza, paralelos, cronoloxías e demáis e el interrompe cunha frase lapidaria: No me digas nada de eso, no me cuentes historias, a mi sólo me interesa el formato (sic). Este erudito local fetichista é un auténtico delincuente que ten todo un museo ilegal na casa. Un furtivo dos pés á cabeza.
O castrólogo riquiño. Xubilado, de esquerdas, que coñece o territorio como a palma da súa mao, cunha intelixencia natural fóra do común. Artista e autodidacta, a súa paixón son os castros. Non ten problema en amosar no móbil os seus achados, dende unha máscara antigás da guerra, pasando por pinturas románicas nunha ermida esborrallada no monte ou un machado plano calcolítico. Cando fala, gosta de empregar termos como datación, habitáculo, estructura, etnogénesis... Este home leva tempo convencido de que o cueto de Castiltejón é un castro, el castro madre de esta zona. Sabe ler a paisaxe e afirma que si yo digo que es un castro, es un castro, no hay otra. Por suposto, visita a escavación e procura unha historia detrás de cada pedra. Cidadán concienciado sempre pon en coñecemento da Arqueoloxía oficial e da Administración os seus achados e os seus coñecementos cando se enceta unha obra que afecta a restos arqueolóxicos. Por suposto, está totalmente desencantado con estes axentes patrimoniais. Non o escoitan, e el sabe, sabe ler as pedras. Por iso, mentres non hai confianza dosifica a información para tantearnos, para ver como respiramos. A xente da montaña seica é así. Aparte da guerra, a súa paixón son os verdes castros. Por iso nos levamos ben, porque todos somos, no fondo, castrólogos aos que lles gustan as pedras e as cousas de antes, como dicía meu avó.
O castrólogo peliculeiro: home do mundo audiovisual que xa ten no maxín a película que quere gravar, inspirándose en realidades evidentes: que hai unha calzada romana que pasa ao sopé do castro, pois é unha proba da conquista augustea do poboado fortificado, e así sucesivamente. O castro valórase pola profundidade á que se atopa, os castrexos de Castiltejón controlaban as minas de talco. Non importa que as minas sexan dos anos 1920, seica os astures xa tiñan pó de talco para aliviar os males do cú.
Fotografía: el castro-posición republicana de Castiltejón. Panorámica desde una posición secundaria en las minas de talco. Fotografía de Víctor García Rodríguez.
1 comentario:
E dos castrólogos titulados non falas? porque hai cada un
Publicar un comentario