28/2/11

Insula Barataria





Uns rapaces pescan nun caiuco non moi lonxe da praia situada ao sopé da residencia da cooperación española en Bata, vixiada por desestresados wochimen. De veciño temos o megapalacio de Obiang Junior, o afamado Teodorín, afeccionado á música rap e moi amigo da familia Jackson, até o punto que o irmao maior do malogrado Michael, vén a Guinea Ecuatorial a promocionar a ruta do escravo. Cousas que pasan ao ter catro mansións en Malibú.
O pazo ocupa hectáreas de terreo en primeira liña de praia. Unha verdadeira muralla con postos de vixiancia no barrio de Asonga. Dende fóra albíscase nas construcións unha mistura de arte exipcia e ordes dóricas, xónicas e corintias. Vendo o percal, temos sospeitas de que construtores galegos de segundas residencias no rural poderían ter algo que ver nesta arquitectura kistch. Tamén comezamos a dubidar quen foi o artífice do modelo de paseo marítimo que existe en Bata, verdadeira capital da Guinea continental, se Papá Obiang ou Paco Vázquez. Neste caso, semella que estamos n’A Coruña ou en Alacant. Aquí e acolá agroman os kioskos traídos dende Madrid pola directora da Biblioteca Nacional, porque dan boa imaxe. Obviamente non hai un só xornal, unicamente revistas do corazón e panfletos propagandísticos do estilo da Gaceta de Guinea Ecuatorial. O dar boa imaxe preocupa e moito ao rexime. Derrubouse un mercado tradicional enteiro para facer un edificio moderno, para dar boa imaxe. Nun hotel botan a bronca por pendurar a secar roupa na terraza, porque dá mala imaxe, mentres en recepción secretarios de ministros corruptos firman acordos con empresas chinesas e as prostitutas enchen a cafetería. Pero iso non dá mala imaxe, porque dá cartos.
O Centro Cultural Español atópase fronte a este Paseo Marítimo, no mesmo sitio no que hai un par de anos desembarcaron dous caiucos con xente armada. O tiroteo colleu aos españois, como non, no bar. A estampa foi de spaguetti western, seica. Os invasores atracaron uns bancos e levaron um xeitoso botín. O desconcerto foi tal que a poboación local sentía o arrepío do grande medo, do temor innomeable: un golpe de estado. Dende o “golpe de liberdade” de Obiang en 1979 este home herdou a paranoia dos dictadores de todo tempo e lugar, esa sospeita de que alguén, incluso próximo, faga o mesmo que fixo el no seu dia, traizoando ao seu tío Macías, con quen tanto colaborou chegando a ser alcaide do tétrico cárce de Black Beach.
Esta paranoia explica o que aconteceu tralo desembarco dos mercenarios en Bata, un auténtico chiste de guerra de Gila. Resulta que os soldados do Rexime non tiñan balas. O propio Obiang desconfía da súa xente, ou sexa que as balas e resto do arsenal estaban baixo chave, e a chave só a tiña Teodorín, quen non estaba na cidade. Garantida a impunidade dos invasores os soldados fuxiron cara á selva. Así se explican as tentativas de golpe de Estado acontecidas nos últimos anos, organizadas a partir do reclutamento de ducias de mercenarios. Velaí está o caso do fillo de Margaret Thatcher, por exemplo. O desembarco en Bata puxo de manifesto que o rexime de Obiang está collido con pinzas. Un par de meses despois, os invasores, ultramotivados trala experiencia en Bata, atrevéronse con Malabo e o mesmísimo pazo de Obiang. Chegaron ao seu cuarto e ametrallaron a cama. Con sorte, o Supremo Líder non estaba. Ao final a garda do Presidente matou un dos asaltantes. Novamente, a seguridade do Estado posta en entredito. A reación do Goberno foi arrestar de paso uns cantos opositores, aproveitando o tirón, e botar a culpa a unha ameaza exterior protagonizada por inimigos da nación, encarnados, por exemplo, na guerrilla do Delta do Níxer. Sen embargo, no ambiente quedaba ese sabor a axuste de contas de mafiosos que fan negocios xuntos.
No Centro Cultural Español hai uns cantos cadros e pinturas feitos por alumnos e alumnas guineanos que resumen a historia do país. No cadro sobre a independencia vemos soldados guineanos apuntando a un militar español na praia recollendo a bandeira, mentres a poboación española marcha en caiucos cara a barcos fondeados a unhas cantas millas. Así foi a repatriación dos colonos, moitos dos cales se sentiron traizoados por España. Moi famosa é a foto esa dos gardas vivís que con présas tentan levarse o lema de “Todo por la patria” do cuartel de turno.Gila, de novo, aparece na historia do colonialismo español. Ese lema de todo por la patria aparece precisamente no segundo cadro que tenta amosar o que foi a explotación colonial, con patriotas guineanos que son fustigados mentres outros son empregados como man de obra escrava nas explotacións de cacao. O terceiro cadro resume a implantación do poder español. Un gobernador co seu uniforme de gala desembarca na praia sobre unha cadeira transportada por guineanos. Á dereita, aparece unha ceiba, a árbore nacional do país, rodeada dunha cadea. Esta humillación simbólica non valeu de nada. A ceiba medra moi rápido e rematou por rachar a cadea colonial. Na pintura esta liberación aparece suliñada cun anaco de cadea en primeiro plano. O 12 de outubro de 1968 parecía que as cadeas escachaban para sempre. Non foi así. O artífice do “golpe de libertad” en 1979 está erguendo en Bata unha Torre Libertad, unha imitación da Torre Eiffel. Seica van comezala de novo porque ao Papá Obiang lle semella demasiado pequena.
A aparición destes persoeiros demenciais igual se explica polo clima tropical ou os danos cerebrais da malaria. Un precedente bo foi o do gobernador enviado pola 2ª República española á lonxana illa de Annobón, o señor Castilla. Este home era un libertario totalitario que converteu a illa nunha insula Barataria, nun paradiso liliputiense en vez dunha Arcadia socialista. Chegou praticamente a escravizar á poboación local obrigándoa a erguer unha estatua monumental demencial en homenaxe á República. A guerra civil non se notou aquí e a insula Barataria remaneceu até que a comezos dos anos 40 mandaron dende Malabo un continxente da Guardia Civil. Xa vedes que o da illa Perejil ten o seus precedentes.
Cae a noite. O taxista novo non se decide entre a radio de Cabo Verde, a radio camerunesa ou a radio local. Apenas fala español. A Guinea ecuatorial do continente, de maioría fang, é cada vez máis francófona e francófila. Os galos, aparte das súas embaixadas culturais son os que de verdade invisten con bancos, axencias de seguros, importación de coches e infraestruturas. A moeda dende os anos 80 é o franco cefa. Os bafles tuneados do taxi van perforando os tímpanos paseniñamente. Andy y Lucas a todo volume: amores que matan, amores en Bata...

Publicado orixinariamente no Galicia Confidencial

No hay comentarios: