28/2/11

Despilfarro innecesario


Manuel Gago no seu blog capítulo 0 publica unhas notas en tempo real sobre os V Encontros Arqueolóxicos de Barbanza. No debate conseguinte apunta a seguinte opinión, que compartimos plenamente como se pode ver nas continuas denuncias verquidas nos dous últimos anos dende arqueoneixon:
Por certo, o que si se evidenciou tamén foi a inutilidade da ampliación do Centro Arqueolóxico de Neixón, cando menos a súa función como auditorio. Desta volta, as xornadas non foron no centro arqueolóxico (facelo alí era inviable con tanta xente, moi incómodo), senón no auditorio da casa de cultura de Boiro. Un bo auditorio, con moita capacidade, e no centro urbano, ideal para ir xantar á mediodía no medio das charlas. Ao estar alí un se dá conta do dispendio irracional e o malgasto do proxecto de ampliación do Centro Arqueolóxico de Neixón, en Boiro, a penas a catro quilómetros deste auditorio: unha das principais xustificacións da alcaldía era construír preto do castro un auditorio para acoller o Encontro Arqueolóxico (¿¿anual???), canda a obtención de metros e condicións técnicas para a instalación dunha colección permanente de pezas dos castros -obxectivo este máis razoable, pero para que non eran precisos tantos metros, e ao meu ver, menos nesa dirección. Agora está parado na fase de cimentación, despois de cargarse unha gabia da II Idade do Ferro pertencente ao recinto arqueolóxico do propio Castro Grande: así que temos un enorme fochanco cheo de barro á espera de que alguén meta diñeiro nel. De levarse as mans á cabeza, señores.

Sentín alí resumido neste xesto, no xesto dun pequeno concello que quere duplicar infraestruturas culturais porque si, boa parte da explicación do colapso económico das nosas administracións. Hai que inventar outra política e outro xeito de controlar eficaz e intelixentemente as decisións dos políticos, porque mal nos vai ir.


http://www.manuelgago.org/blog/index.php/2011/02/26/v-encontros-arqueoloxicos-do-barbanza-notas-en-vivo/#more-15161

No hay comentarios: