14/1/11

Guinea Ecuatorial


Pois si amigos e amigas de arqueoneixon. Marchamos a Guinea Ecuatorial até finais de febreiro. Participamos nun proxecto de investigación e cooperación internacional dirixido polo noso compañeiro Alfredo González Ruibal (LAPA, CSIC). Un amplo proxecto que contempla cursos de formación en Malabo e Bata para arqueólogos e xestores do Patrimonio guineanos, a escavación dunha necrópole funeraria afectada por un aeroporto na illa de Corisco e a análise arqueolóxica do colonialismo europeo en época moderna e contemporánea. Asemade no equipo contamos con especialistas en restauración de materiais arqueolóxicos e en antropoloxía visual. Pasaremos a meirande parte do tempo na illa de Corisco, unha base de exportación de escravos para América dende época moderna. Alí nos agardan as ruínas de misións presbiterianas ianquies e claretianas españolas do século XIX, fortes holandeses e portugueses comestos pola selva, as ruínas da vila colonial española de comezos do século XX. Todo un reto para a Arqueoloxía do Pasado Contemporáneo. Voltaremos con novas experiencias e suxerentes historias. Non o dubidedes. A pasalo ben.

No hay comentarios: