28/12/10

Historia oficial




En Madeira non hai un Museo de Historia convencional, nin un Museo Arqueolóxico. Si conta cunha empresa privada que vén de montar unha exitosa recreación da historia oficial da illa, o Madeira Story Centre, a atración máis visitada polos turistas. Toda unha leción para aprendermos por onde van os tiros na xestión do Patrimonio hoxendía. A experiencia é totalmente positiva; un sae de alí coñecendo os persoeiros vencellados á illa, a historia de piratas e saqueos, a conversión de Madeira en paradiso turístico e exótico no século XIX... Moi importante son as biografías dos grandes homes que por aquí pasaron, Colón, a emperatriz Sisí, Carlos de Habsburgo, Churchill, todos os dictadores habidos e por haber, entre eles o Batista cubano. Un percorrido espectacular que remata nunha tenda soberbia no tocante ao márketing e a o merchandising. Todo moi anglosaxón. Como veremos, a influencia británica é tremenda no devalar histórico de Madeira. Loxicamente este discurso histórico agocha e enmascara realidades esenciais para comprendermos o que foi Madeira dende o século XV.