28/12/10

Ab urbe condita




A imaxe oficial de Madeira é a dun paradiso que forma parte da nación portuguesa, unha colonia que non foi colonia pero que case foi colonia do Imperio británico. Un verxel cristianizado e humanizado polos portugueses. Unha illa que desenvolveu de xeito pioneiro o turismo de clase alta no século XIX. Unha historia de autobombo que non acaba de convencer de todo, se ollamos á paisaxe e á paisanaxe. Existen escuetas referencias, non fundamentadas, sobre restos da Idade do Bronce, que sería a ocupación máis antiga da illa. Eu non os vin. A Historia con maiúsculas comeza coa chegada dos colonos portugueses no século XV. Xa que logo, a Arqueoloxía aquí realmente non existe, e se o fai é para reproducir unha visión anticuarista e museística. Así pois, o parque arqueolóxico que hai en Madeira é un xardín na Quinta das Cruçes en Funchal no que se depositan de xeito decorativo ventás manuelinas, brasóns heráldicos e inscricións fundacionais de obras públicas a cargo de particulares esquencidos pola Historia.