A procesión dos caladiños
Dixemos que a calada é a estratexia da maioría da Arqueoloxía galega. A Academia e a Administración evitan problemas deste xeito. As empresas de Arqueoloxía repártense como taifas o territorio nun equilibrio que custa manter. Quen se move non sae na foto. Moito que gañar e moito que perder. En casos como o recente de Cociñadoiro os arqueólogos galegos adoptan dúas medidas: calar ou participar anonima e covardemente en foros de Internet ou poñendo comentarios en bitácoras de xente que si da a cara, desa xente que non sabe, como Manuel Gago. Esta é a realidade da Arqueoloxía deste país. Pero iso si, malia a calada, a oralidade é o medio de transmisión propio desta Arqueoloxía tan científica. Os susurros, os cotilleos nas escavacións e nos Congresos, toda a Arqueoloxía galega está a comentar este Arqueogate, reencarnados nunha procesión de falsos caladiños. Polo tanto, que ninguén se estrane do silenzo da Arqueoloxía galega. Pola súa vez, este silenzo vai acompañado doutra actitude clásica: confundir a crítica e a libre información con ataques persoais. Velaí temos novamente a Juan Antonio Cano Pan no Xornal de Galicia: son eu o que lle deu importancia ao xacemento, eu teño que preocuparme de realizar a memoria, e non doutros asuntos.
Calquer persoa que lea as entradas de Manuel Gago e as reportaxes de prensa recentes non verá por ningures un ataque directo á profesionalidade do director da intervención, por ningures. Non obstante, o que queda claro é que as súas declaracións amosan outra vertente clásica da Arqueoloxía galega: o personalismo que leva aos arqueólogos a apropiarse dos xacementos, a consideralos nalgunha medida como algo de seu.
No hay comentarios:
Publicar un comentario