De Memoria
Hai que ser un pouco paciente con respecto a elaboración da memoria, que a finais de ano ten que estar entregada, sempre e cando toda esta polémica non trastorne todos os plans, porque eu teño que preocuparme de realizar a memoria, e non doutros asuntos. Estas declaracións do arqueólogo Juan Antonio Cano Pan son un perfecto exemplo do modelo de xestión da información arqueolóxica vixente en España. A este respecto, a nosa hipótese é a seguinte: o gremio arqueolóxico segue empregando un modelo franquista, anquilosado e superado noutras latitudes.
A instauración do Rexime franquista conlevou a aparición dun sistema centralizado de xestión da Arqueoloxía, baseado nunha estrutura xerárquica na que uns Comisarios Provinciais rendían contas á Comisaría General de Excavaciones Arqueológicas. As intervencións autorizadas e, por veces, subvencionadas por este organismo, conlevaban a entrega dunha memoria que se editaría nas series de publicación estatais, como a que vedes na fotografía de arriba. Aquí se atopan as orixes dese compoñente mítico que ten a memoria como documento definitivo, no que se deposita a Verdade sobre un xacemento, no que o director ou directora da escavación se xoga o seu prestixio. Por suposto, este documento era unicamente compartido e debatido coa comunidade científica e se consideraba mostra de respecto non comentar nada en público sobre o que se vira nunha escavación até que o director/a publicase a súa memoria.
A transición democrática e os cambios posteriores nada trocaron esta actitude no control da información arqueolóxica. As autonomías comezaron a editar noticiarios para dar conta de xeito breve os resultados das intervencións arqueolóxicas máis salientables, en coleccións dirixidas tamén ao público xeral (Arqueoloxía/Informes, Actuacións Arqueolóxicas para o caso galego). Sen embargo, os arqueólogos, os científicos seguiron manexando este concepto de memoria, unha memoria que entregaban na Dirección Xeral de turno por obriga legal, pero que na meirande parte das ocasións non publicaban nin daban a coñecer. No mellor dos casos, a estratexia de publicación era e é a seguinte: partillar o rexistro arqueolóxico exhumado e ir publicando por partes, a metalurxia nun congreso, a cerámica noutro, un artigo de síntese para unha revista tipo A... guiándose por criterios curriculares ou veleidades de prestixio científico. No vos sona de nada isto?
Loxicamente, este modelo premoderno de xestión da información arqueolóxica non ten nada que facer no ano 2010. Non se pode solicitar paciencia para a publicación dunha memoria, cando en Europa se actualizan bases de datos de acceso público con todos os reports. Esta solicitude de paciencia obedece tamén a un segundo aspecto teórico: a investigación arqueolóxica faise, refaise, modifícase a cada intre. Nas visitas guiadas ás nosas escavacións o público pode seguir como cambian as hipóteses, como nos confundimos, como acertamos, etc., etc... Dende o minuto 1 se pode transmitir información sobre unha intervención, sen ter que agardar por unha memoria que fosiliza unha suposta interpretación sólida, fundamentada, case definitiva. Velaí o éxito da serie Actuacións arqueolóxicas, iniciada coas campañas de 2006; lamentablemente a intervención do castro do Cociñadoiro foi levada a cabo en 2005, motivo polo que non soubemos nada dese castro até esta semana.
En definitiva, a vixencia dese anticuado modelo de xestión explica por que non se divulga en tempo real, por que o arqueólgoo de turno agarda anos para publicar as datacións de Carbono-14 en vez de colgalas na Rede ipso facto, etc., etc., etc. Isto é o que se discute na Rede estes días, no mundo real dos blogs, as bitácoras, as páxinas web, o facebook, e non no mundo virtual de arqueólogos que aínda pensan que o Patrimonio arqueolóxico e os datos son deles e só deles.
1 comentario:
pois a ver se publicades en rede as datas de Montenegro
Publicar un comentario