26/10/10

Arte rupestre en Mação


Maxistral baixo todos os puntos de vista foi a aportación de Sara Raquel Mendes Cura, arqueóloga vencellada ao equipo de Luiz Oesterbeek do Politécnico de Tomar: Arte rupestre en Mação: un camino para la construcción de conceptos y consciencias críticas. Maxinádevos un museo local máis pequeno, con menos presuposto e peor ubicado ca o Centro Arqueolóxico de Barbanza, por poñer un exemplo que coñecedes todos. Pois ben. Este equipo de traballo ten acadado unha plena apropiación local do Museo. Os paisanos axudan a deseñar a oferta expositiva e as actividades do centro. Existe unha forte relación coa comunidade local, traballando nunha liña semellante á nosa de identidade, memoria e cultura material. Inciden na idea do papel da arte rupestre na humanización do territorio. Nisto baséase a sustentabilidade do proxecto museístico, cunha estreita colaboración coas institucións académicas. Entre 40 e 50 investigadores foráneos viven na vila facendo cursos de Doutoramento ou Mestrados de Excelencia. O Museo participa dos proxectos internacionais ART RISK e RUPTEJO, organizan circuítos arqueolóxicos polo Texo e participan en itinerarios culturais europeos, coma os Camiños de Arte Rupestre Prehistórico. Mesmo organizan un concurso internacional de arte contemporánea e inzan as rúas de representacións de estacións rupestres de todo o mundo, incluída Galicia. A diferencia do resto de ponencias, abordouse tamén o impacto real a nivel económico na comarca: a capacidade hoteleira da vila esgótase e existe un incremento do 30-40% nos restaurantes, aumento producido polas actividades do Museo. Rondan as 14.000 visitas.
En definitiva, trátase dun enfoque crítico e postmoderno que reflicte unha ampla bagaxe teórica e aporta, por riba, unha certa autocrítica. Finalizaron deste xeito: Unha Arqueoloxía con máis impacto mediático e máis recursos implica da nosa parte máis obrigacións; se queremos ser un factor de crecemento e desenvolvemento, non habemos depender unicamente das infraestruturas e dos equipamentos, senón dos recursos humanos. Debemos levar a cabo unha actividade que entre nas consciencias e na vida cotiá dos cidadáns. Agora mesmo están plantexando un Centro de Aprendizaxe e Observación da Paisaxe.

www.museumacao.pt
www.arqueomacao.tv
www.ciarte.eu
www.prehistour.org

No hay comentarios: