20/7/09

Tapando a realidade


A Voz de Galicia, edición Barbanza, deste mesmo sábado pasado, recolle unhas declaracións dos responsables do Ecmo. Concello de Boiro segundo as cales tiveron problemas en anos pasados co proxecto de Neixón, porque os arqueólogos tapaban o que encontraban. En cambio, partir de agora, musealizaranse os restos. A este respecto, unhas pequenas aclaracións:
1. No ano 2007 procedeuse á posta en valor e consolidación das estruturas visibles no interior do Castro Grande, quedando á vista tres cabanas de pedras reconstruidas, o muro de contención da muralla e os foxos que delimitan a entrada. É normal que dende o Concello non se acorden deste proxecto de musealización porque a día de hoxe aínda non o pagaron.
2. O único problema existente en anos precedentes foi o incumprimento e pasotismo do Concello para afrontar as súas obrigas co mantemento do xacemento. Dende 2003, o Concello tapaba as escavacións e reutilizaba as escombreiras para obras de carácter público e privado. En 2008 os restos quedaron sen tapar e fíxose cargo o Laboratorio de Patrimonio do CSIC do tapado das escavacións en febreiro-marzo do presente ano. E iso valeu cartos loxicamente, que se unen aos 172.000 euros investidos polo CSIC no proxecto de Neixón dende 2003.
3. Durante anos o Concello non rozou os xacementos para dar inicio ás escavacións, tendo algún ano que empregar nós aos voluntarios do campo de traballo para adecentar os sectores de escavación. Antes da Romaría, por arte de maxia, todo aparecía rozadiño, cando xa era tarde.
En consecuencia, o único problema que houbo e que hai é que o mantemento dos castros de Neixón lle importa un carano aos seus propietarios (Concello de Boiro). E eu se fose un funcionario do Concello andaría con coidado porque un día igual se atopa co Cobrador del frak escarranchado na cadeira do alcalde e ao Gaiteiro cobrador botando a partida na mesa do Concelleiro de Cultura. Ese, a manipulación, e a falta de educación, son os problemas reais do Concello de Boiro.

Xurxo M. Ayán Vila
United Neixons

Fotografía: tapado das escavacións do Castro Grande de Neixón baixo control arqueolóxico do LAPA (IEGPS-CSIC), 10 de marzo de 2009.

No hay comentarios: