A profesionalización de Neixón
Despois das excelentes festas de Boiro, as mellores que se recordan nos últimos tempos, comeza o tempo dos discursos falseados e da propaganda. Segundo recolleu o Diario de Arousa o pasado sábado o Excmo Concello deBoiro aposta por profesionalizar as escavacións nos castros de Neixón (sic).
O equipo do proxecto arqueolóxico dos Castros de Neixón do CSIC é artífice, entre 2003 e 2009, dunha tese de doutoramento, tres memorias de licenciatura, tres monografías, unha longametraxe documental, dez artigos científicos en revistas nacionais e internacionais, doce comunicacións a congresos, vinte conferencias, seis campos de traballo con 300 voluntarios de todo o mundo, e dunhas 30 actividades de divulgación e difusión por toda Galicia nas que falamos dos castros de Neixón. Membros do noso equipo foron e son convidados a participar como ponentes en foros coma o World Archaeological Congress (Dublín xuño de 2008), o Congreso Internacional de Arqueoloxía Clásica (Roma, setembro 2008) ou o Coloquio internacional sobre os púnicos no Occidente mediterráneo (Sevilla, setembro 2009), simplemente para falarmos de Neixón, un sitio que queda en Boiro.
Todo este traballo feito polo equipo que dirixo destrúe Neixón. Cómpre felicitar ao Excmo Concello de Boiro por profesionalizar dunha vez as intervencións arqueolóxicas en Neixón, e non deixalas en mans deses rapaces afeccionados, desa calaña de arqueólogos domingueros de United Neixons, deses mercenarios que só se moven por cartos. A ver se se anima o señor alcalde de Boiro (se é que manda algo) e tamén profesionaliza dunha vez a súa corporación municipal, incorporando políticos de verdade, profesionais, moi profesionais.
Xurxo M. Ayán Vila
United Neixons
1 comentario:
Onde falan papeles calan barbas.
Publicar un comentario