30/7/09

O Panteón


Nesta fotografía aparece a filla do señor Avelino, o receptor da carta de don Plácido. Esta señora quixo facer esta fotografía vestida de domingo para preservar o recordo do seu irmán Felipe, soterrado nese panteón fóra do adro da igrexa de Cereixa. Estamos en plenos anos 40. Felipe é recordado por ser un tipo listo e educado. Antes da guerra a mestra da escola e máis el tiñan un pique matemático: envíabanse problemas e ecuacións retándose na resolución dos problemas. Mobilizado na guerra deulle por debuxar a liña de fronte de Madrid; denunciado e acusado por roxo e espía foi torturado e seica envenenado. Reenviado a casa para morrer a versión oficial falou de suicidio. En pleno nacionalcatolicismo o crego párroco daquela negouse a darlle cristiá sepultura no camposanto. Por rojo e por sucidida. Eu aínda recordo de pequeno este panteón, que foi retirado hai vinte anos. Unha imaxe vale máis ca mil palabras, todo un documento que fala da dignidade, do cultivo da memoria e dunha historia traumática.
Este panteón desapareceu, a casa rectoral de don Plácido foi destruída nos anos 70 para facer outra nova, esta muller vén de morrer. Arqueoloxía do pasado contemporáneo.

No hay comentarios: