
Inaugurouse onte a vía de alta capacidade do Barbanza. Por suposto non imos esgrimir aquí discursos do estilo unha navallada dos anos 70 nin discutir sobre a súa obvia utilidade, sobre todo cando levamos uns cantos anos traballando co impacto arqueolóxico en grandes obras públicas. Cremos que esta obra exemplifica moi ben o conflicto entre tradición e Modernidade, cun impacto crítico sobre os concheiros debaixo da ponte (unha das zonas máis ricas en molusco de toda a ría de Arousa), e coa modificación definitiva dunha vella paisaxe. O novo milenio pechou dunha vez por todas a comunicación marítima do mar de dentro (a aldea de Arribada en Cespón), o remorso traumático da ponte Beluso na guerra contra o francés e no golpe de Estado do 36, a estampa milenaria da seca... Pero o trazado da vía tamén sanciona unha topografía antiga. No Antigo Rexime, como ben estudou Leonardo González, a parroquia de Cespón, que conta con 22 aldeas, dividíase en dúas partes: a de arriba (Norde) e a de abaixo (Sur) . A nova vía, coma un novo Camiño Real, escoa polo medio e medio da parroquia de Cespón e monumentaliza esta división milenaria.
Fotografía: Obras no desdoblamento da ponte, xullo de 2008. Vista dende o Castro Pequeno.