20/6/08

O carro


O párroco de Vedra aconsella aos seus fregueses na folla parroquial sobre o futuro das linguas: o galego, di el, é un incordio, un estorbo, algo atrasado coma o carro dos bois. Vaia crack, un fulano que de linguas mortas ten que saber un rato, despois de anos estudando latín, unha lingoa moi útil se aplicámo-lo seu razonamento. Pero non é ese desprezo cara ao idioma deste país o que nos chama a atención, senón esa recorrente metáfora do carro como símbolo de atraso. Hai escasos días o concello de Chantada decidiu mercar uns cantos carros tradicionais a paisanos da zona para chantalos nas rúas principais da vila a xeito de instalación artística. Tradición, modernidade, identidade. Velaí as tres asignaturas pendentes da Igrexa católica, apostólica e romana, eivas que, por suposto, o crego de Vedra, co seu espírito crítico, agudeza, traxectoria vital e apertura de miras, non vai solucionar.

Fotografía: carro no Coto da Eira en Santo Andrés do castro de Beiro (Ourense).

No hay comentarios: