11/2/08

Potes, seixos e filloas


Onte foi a Festa da Filloa de Lestedo (Boqueixón). Un típico núcleo rururbano que medrou ao carón da estrada e que se está a converter nunha vila-dormitorio de Compostela de xeito acelerado. Para a comunidade local e mailo concello o Pico Sacro é un referente identitario e unha imaxe de marca. Tamén o fora no seu día para os cristiáns galeguistas que foran en peregrinación dende Ourense a Santiago, a gaña-lo Xubileo, nun verán de antes da guerra do 36. Un deles era Ramón Otero Pedrayo, quen falaba da xeoloxía de Galicia gabándose da vellez do chan galaico. A pedra, o seixo do Pico de Sacro, formaba parte da esencia da Terra Nai. Ese discurso esencialista, propio da Xeografía oteriana, manténse no tempo, e é reproducido nese mundo abraiante que son os xardíns dos chalets e segundas residencias. Nunha destas casas de Lestedo atopamos esta recreación da galeguidade apegada á terra, cun pote agromando nun chao inzado de seixos cristalinos do Pico Sacro.

No hay comentarios: