17/12/07

A Pedra de Rufino


Voltaremos sobre o tema do feísmo en futuros posts. No interesante debate xenerado citouse unha referencia ao noso blog que acompaña unha boa foto dun hórreo e un graffitti en Taragoña. En Taragoña, a finais de agosto de 2006 localizamos unha estela romana reutilizada como banco no patio dunha casa. Podería ser outro exemplo de feísmo ao uso, pero eu creo que é moito máis. O dono da peza atopouna hai moitos anos cando escavou para chanta-los alicerces da adega da súa casa, asentada sobre unha posible necrópole galaicorromana, perto da actual igrexa parroquial. A familia desa casa non só preservou a peza, senón que se preocupou por saber que era, poñendo en coñecemento de especialistas o seu achado.
Vimos de publicar esta estela inédita [ X. Ayán Vila e Pedro López Barja de Quiroga. 2007. Una estela funeraria inédita de Taragoña. En Zeitschrift für Papyrologie und Epigraphik, 161: 283-287] A maiores do seu interese epigráfico, histórico e artístico, cómpre engadir todo o mundo simbólico que se agocha dentro do seu contexto de uso no presente. Todo un exemplo de apropiación da cultura material do pasado por parte da sociedade rural e mariñeira galega. Para un achegamento etnoarqueolóxico a este fenómeno propoñémosvos a leitura do noso traballo: Á. Arizaga Castro, P. Fábrega Álvarez, X. Ayán Vila e A. Rodríguez Paz. 2006. A apropiación simbólica da cultura material castrexa na paisaxe cultural dos Chaos de Amoeiro (Ourense, Galicia). Cuadernos de Estudios Gallegos, 119: 87-129. Santiago: CSIC.


Debuxo: Anxo Rodríguez Paz

3 comentarios:

Anónimo dijo...

Voltan a sacarvos esta nova no xornal Certo. Sección Historia/Arqueoloxía. Curiosa simbiose investigadores/xornalistas. Así polo menos os lectores sabemos que o que din os xornalistas é o que dixeron as súas fontes...

Ramón Torrado dijo...

ola. son de rianxo e gustaríame saber máis sobre a pedra de rufino: o significado das letras e dos símbolos. moitas grazas

El Ayán dijo...

Ola Ramón. Desculpa a tardanza en respostar.
A leitura proposta por nós do campo epigráfico é como segue:

D(is) M(anibus). Pos(uit)
Ursus
ingenu-
o suo . Ru-
fino . Pin-
[ta?]ni (filio?)

A tradución viría sendo: Aos deuses Manes. Púxoo Urso, para o seu (¿amigo?) Rufino, (fillo?) de Pin[ta]no, de nacemento libre.

Pola súa forma, dimensións e decoración esta estela seméllase moito ao grupo de 19 estelas descuberto en 1953 na rúa de Pontevedra da cidade de Vigo. Todas elas inclúense no amplo grupo de estelas do centro e NW da Península Ibérica, onde atopamos arcadas e tamén representacións do sol (coma unha roda radiada ou ben coma unha flor de seis pétalos) e da lúa, todos símbolos do alén.
A cronoloxía resulta difícil de precisar, pero, sen dúbida, é posterior aos comezos do século II d.C.