A Gentalha do Pichel

A Galicia plural e libre que desexamos necesita locais como a Gentalha do Pichel que pon dos nervios a alcaldes desaprensivos máis próximos á ultradereita cá outra cousa. Non compartimos nin as teses lusistas nin algúns dos plantexamentos ideolóxicos dos responsables deste foro cultural, e que? Compostela conta cunha entidade aberta a todos, con conciencia social e compromiso, conceptos non moi queridos para o sistema caciquil galego. Nesta Gentalha do Pichel terá lugar mañá xoves 9 de febreiro unha xornada arqueolóxica, ás 20:30, moderada polo benquerido Xesús Amado, hoxe técnico cultural no concello santiagués pero que durante máis de quince anos estivo coordenando numerosos proxectos de avalación e corrección de impacto arqueolóxico por toda Galicia. Participarán como ponentes o arqueólogo Antóm Malde, curtido en mil batallas nas dúas últimas décadas, director do proxecto arqueolóxico da Pena Furada, e Manuel Gago, xornalista e divulgador que leva unha boa tempada difundindo na rede os seus traballos de campo por este curruncho da Europa. De seguro que será unha boa velada, como dicían os vellos:
Esta noite hai unha rúa,
esta noite hai espadela,
bótame caldo, mi madre,
que eu tamén hei de ir a ela.





