9/2/10

Conferencia


Este xoves 11 de febreiro ás 11:00 no IEGPS de Compostela a arqueóloga Lynn Meskell impartirá unha conferencia sobre os conflitos entre patrimonio cultural e natureza no Kruger National Park de Sudáfrica. Lynn Meskell é profesora de Antropoloxía na Universidade de Stanford (California) e un referente con traballos sobranceiros nos eidos da Arqueoloxía de xénero, a Arqueoloxía poscolonial e a Arqueoloxía do Antigo Exipto. Velaquí algunhas publicacións da autora:

• Cosmopolitan Archaeologies. Editor. Duke University Press, in press.
• Archaeologies of Materiality. Blackwell Publishers, 2005.
• Embedding Ethics. Co-edited with Peter Pels. Berg Publishing, 2005.
• Object Worlds in Ancient Egypt: Material Biographies Past and Present. Berg Publishers, 2004.
• Companion to Social Archaeology. Co-edited with Robert Preucel. Blackwell Publishers, 2004.
• Embodied Lives: Figuring Ancient Maya and Egyptian Experience. With Rosemary Joyce. Routledge Publishers, 2003.
• Private Life in New Kingdom Egypt. Princeton University Press, 2002.
• Archaeologies of Social Life: Age, Sex, Class Etcetera in Ancient Egypt. Social Archaeology Series. Blackwell Publishers, 1999.
• Archaeology under Fire: Nationalism, Politics and Heritage in the Eastern Mediterranean and Middle East. Routledge Publishers, 1998.

Non dá o perfil para uns encontros de Arqueoloxía do misterio nin de Exiptoloxía esotérica, pero cremos que paga a pena escoitar a esta muller que practica unha verdadeira Arqueoloxía Social.

5/2/10

Torre do homenaxe


O emprazamento do castelo da Rocha alá no fondo, cun círculo de visibilidade pechado resalta a monumentalidade desta arquitectura que contrasta coa aquitectura vernácula degradada da contorna. Aquí vemos un dos torreóns da fortaleza medieval, coa cara externa do paramento en cantería e, detrás, toda unha torre de homenaxe moderna que ben podería estar instalada no Saraxevo bombardeado de 1994. Queda moito por facer para recuperar esta vella paisaxe que paga a pena redescubrir.

A Rocha


Unha nova xeira comeza para o castelo baixomedieval da Rocha a rentes de Compostela. Unha fortaleza que en calquer país europeo sería todo un recurso turístico de primeira orde e un espazo lúdico para a cidadanía. Agardemos que se enmenden os erros do pasado e a dinámica comunidade local teña algo que dicir neste novo proceso de patrimonialización.

Fotografía: corte estratigráfico no castelo da Rocha, con aerobolos de catapulta en primeiro termo.

4/2/10

As actas escuras


No Salón Teatro de Compostela podedes ver até o 7 de febreiro a obra de Roberto Vidal Bolaño As actas escuras representada polo Centro Dramático Galego. Gañadora en 1992 do Premio Xacobeo de Textos Teatrais nunca fora representada nin publicada oficialmente malia que así parecía consignado nas bases do premio antedito. Unha vez a vexades comprenderedes doadamente por que tal ocurriu en pleno fraguismo. As Actas escuras ambienta de xeito soberbio a Compostela do cardeal Payá e o momento no que se redescobren os restos do Apóstolo. Unha lección xenial sobre a relación entre política, poder, relixión e ciencia. O mozo krausista Casiano representa á ciencia histórica española nun momento no que acadaba institucionalizarse academicamente. Os debates entre este personaxe e o coengo López Ferreiro fálannos da Arqueoloxía anticuarista pero tamén do tradicionalismo do Cabido compostelán da época. O conflicto entre Fe e Razón, entre relixión e ciencia é maxistralmente posto en escena polo xenio dramático do malogrado Vidal Bolaño. Paga a pena ir ao teatro.

Tres últimas funcións. Venres 5 e sábado 6 ás 20.30 h; domingo 7 ás 18.00 h
http://www.centrodramatico.org/cdg/

2/2/10

Narcotráfico en Neixón

1/2/10

Ao pé do lar


Este venres inaugúrase no Museo do Pobo Galego a exposición interactiva Ao pé do lar (5 de febreiro- 7 de marzo) comisariada polo polifacético Manuel Gago. Unha boa oportunidade para gozar da materialidade vencellada ao espazo doméstico dende a Idade do Ferro até o presente. O enfoque asumido é quen de misturar microhistorias de vida, a vida social dos obxectos e as arquitecturas, o saber tecnolóxico dos antergos, o fuxidío recordo de modos de vida dos que só restan ruínas arqueolóxicas, as vellas receitas revividas... É dicir, todo iso do que adoecen os manuais de Prehistoria e Arqueoloxía deste país, incapaces de achegar ao público as práticas do banquete e da comensalidade nas comunidades do pasado lonxano e cercano.
Marabillosa fotografía de Soledad Felloza.
Toda a información en www.aopedolar.com

Apoio arqueolóxico???


Os comentarios verquidos no anterior post dan pé a un debate que é ben interesante malia que devala cara a unha falsa dicotomía entre Arqueoloxía científica e Arqueoloxía mistérica. Unhas puntualizacións ao respecto:
1. Arqueoneixon é un blog relativista que pouco ten que ver con ese saber académico que pensa que a Arqueoloxía é patrimonio duns científicos parvos, segundo di Anónimo (mola escudarse no anonimato para insultar).
2. Arqueoneixón é un dos poucos portais que divulga esas Xornadas de Misterio, porque é unha actividade realizada no Barbanza que pode interesar a máis de un, pero iso non significa que esteamos dacordo con esa liña editorial, igual que moita xente lle ten xenreira á nosa liña editorial. Algo normal nunha sociedade democrática.
3. Na Revista de Arqueología temos publicado hai anos máis dun artigo, xusto cando esa publicación señeira na España dos 80 e 90 apañou un xiro ridículo cara á Exiptoloxía sui generis e o mistérico que obedece a unha determinada política de vendas pero que pouco ten que ver coa liña editorial precedente, modélica ao noso modesto modo de ver. Iso si, se a revista segue a publicar artigos de refutados arqueológos, benvida sexa.
4. O que non nos parece de recibo é que fondos públicos revirtan en actividades New Age e en iniciativas privadas deste estilo, cando a administración local non verque un só can na protección e divulgación do Patrimonio barbanzónico. A este paso tamén poden organizar unhas xornadas sobre a chegada de Hercólubus o Planeta vermello da man dalgún gurú cun curriculum tamén espectacular.
5. E o máis grave de todo é que unha entidade como o Centro Arqueolóxico de Barbanza guinde un manifesto de apoio arqueolóxico (sic) que é para escachar a rir. Que é un apoio arqueolóxico? Que pensará a Asociación de amigos do Centro Arqueolóxico? E os científicos que acoden aos IV Encontros Arqueolóxicos? Loxicamente, con ver a traxectoria do suposto técnico arqueológo do CAB un atopará a resposta. Alguén que colaborou con Cuarto Milenio nunha patética reportaxe mistérica sobre a aldea maldita, é normal que continúe a súa traxectoria modélica promocionando a ciencia e o coñecemento arqueolóxico con apoios arqueolóxicos a iniciativas coma esta. Que triste que o CAB, convertido nun chiringuito, acade que Neixón estea abonado ao bochorno e ao esperpento. Porque unha cousa é o realismo máxico e outra a fogueira das vaidades.
http://jornadamisteriobarbanza.blogspot.com/