Apoio arqueolóxico???
Os comentarios verquidos no anterior post dan pé a un debate que é ben interesante malia que devala cara a unha falsa dicotomía entre Arqueoloxía científica e Arqueoloxía mistérica. Unhas puntualizacións ao respecto:
1. Arqueoneixon é un blog relativista que pouco ten que ver con ese saber académico que pensa que a Arqueoloxía é patrimonio duns científicos parvos, segundo di Anónimo (mola escudarse no anonimato para insultar).
2. Arqueoneixón é un dos poucos portais que divulga esas Xornadas de Misterio, porque é unha actividade realizada no Barbanza que pode interesar a máis de un, pero iso non significa que esteamos dacordo con esa liña editorial, igual que moita xente lle ten xenreira á nosa liña editorial. Algo normal nunha sociedade democrática.
3. Na Revista de Arqueología temos publicado hai anos máis dun artigo, xusto cando esa publicación señeira na España dos 80 e 90 apañou un xiro ridículo cara á Exiptoloxía sui generis e o mistérico que obedece a unha determinada política de vendas pero que pouco ten que ver coa liña editorial precedente, modélica ao noso modesto modo de ver. Iso si, se a revista segue a publicar artigos de refutados arqueológos, benvida sexa.
4. O que non nos parece de recibo é que fondos públicos revirtan en actividades New Age e en iniciativas privadas deste estilo, cando a administración local non verque un só can na protección e divulgación do Patrimonio barbanzónico. A este paso tamén poden organizar unhas xornadas sobre a chegada de Hercólubus o Planeta vermello da man dalgún gurú cun curriculum tamén espectacular.
5. E o máis grave de todo é que unha entidade como o Centro Arqueolóxico de Barbanza guinde un manifesto de apoio arqueolóxico (sic) que é para escachar a rir. Que é un apoio arqueolóxico? Que pensará a Asociación de amigos do Centro Arqueolóxico? E os científicos que acoden aos IV Encontros Arqueolóxicos? Loxicamente, con ver a traxectoria do suposto técnico arqueológo do CAB un atopará a resposta. Alguén que colaborou con Cuarto Milenio nunha patética reportaxe mistérica sobre a aldea maldita, é normal que continúe a súa traxectoria modélica promocionando a ciencia e o coñecemento arqueolóxico con apoios arqueolóxicos a iniciativas coma esta. Que triste que o CAB, convertido nun chiringuito, acade que Neixón estea abonado ao bochorno e ao esperpento. Porque unha cousa é o realismo máxico e outra a fogueira das vaidades.
http://jornadamisteriobarbanza.blogspot.com/
1 comentario:
I want to believe.
The truth is out there...
Publicar un comentario