20/8/12

Estrema e dura




De camiño a Extremadura paramos a xantar na terra do xamón curado, no pobo de Guijuelo. Ao carón da estación de servizo que se ubica á entrada da vila topamos cunha cafetería con terraza. Entre as mesas sobrancea un pendón coa bandeira franquista. O interior vén sendo una viaxe no tempo, un retroceso cara ao nacionalcatolicismo. A camisa azul da Falanxe, impoluta e sen enrugas, preside a entrada á cociña. Detrás da barra un cartel resume a angueira do dono do local: “Vuelva General”. Seica con Franco o remate dos touros, a lei antitabaco e as derrotas do Real Madrid non terían ocorrido nunca. Outro retrato de José Antonio Primo de Rivera comparte protagonismo coa bandeira nacional española democrática, sobre a que se escribiu un lema que provoca desasosego: A POR ELLOS. Os prezos increméntanse o triple para os rojos (sic). O noso colega etíope Worku non entende nada. Xa ten bastante con ter que xantar na capital do xamón, sendo como é el cristián ortodoxo anti-marrao.
Rachel Ceasar, antropóloga californiana que leva anos traballando con familiares en exhumacións de foxas no Bierzo e Galicia solicita permiso ao barman falanxista quen accede fachendoso, orgulloso da súa obra. Ao pagar as consumicións, este patético imitador de Ledesma Ramos agasállanos cuns chisqueiros tuneados por el mesmo; sobre as cores da bandeira pega con cara de tolo un novo lema: “Yo también soy nacionalista. Bar Juan”. Ao pedir a factura, este fenómeno con cara desencaixada ten que teclear na computadora: Asociación Memorial Campo de concentración de Castuera.
Entre Mérida e Castuera sucédense as rotondas coroadas por estatuas da virxe nas súas maís variadas advocacións. Moitas destas estatuas teñen un certo aire estilizado, seguindo os cánones da arte romana tan ben representada na vella capital da Lusitania. Este panorama relixioso remata ao chegarmos a Castuera. A primeira rotonda serve de aeroporto improvisado a un caza Northrop/CASA RF-5A. Este avión fóra empregado na base de Morón (Sevilla) e en Talavera La Real (Badaxoz), onde está a escola de pilotos de caza. En 2001 foi cedido polo Exército do Aire ao Concello de Castuera. Noutros pobos poñen a Virxe da Ascención. Para gustos, rotondas e virxes. Nesta rotonda do avión en Castuera os recén casados sacan retratos de voda, non é broma. Enlaces de altos voos.
Ser peixeiro no Mercado de Abastos de Castuera garante ser un personaxe de película. Paco véndenos bacallao e recorda os seus tempos escolares: “Joder, tíos, qué descojone cuando el profesor hablaba de la escritora esta vuestra Rosalía, del libro ese que se llamaba… Follas Novas, cómo nos despollábamos, todos los años era igual, el profesor ya se aguantaba la risa”.
Os falanxistas asasinaron vilmente unha tarde de agosto á mai de Laura cando esta tiña dous anos. O seu corpo foi exposto a rentes da tapia do camposanto de Castuera durante días para escarnio público e aviso a navegantes. Todos os días, pola mañanciña, Laura visita o cemiterio. Está empeñada en preservar a memoria da súa mai. Loita contra o esquencemento e deposita de cando en vez unhas flores en lembranza de quen lle deu a vida. Laura veu á charla  que demos na sé da Universidade Popular antonte e relatou os seus recordos da nenez , cando en casa acubillaban unha señora e os seus fillos que viñan de lonxe para axudar ao seu home preso no campo de concentración de Castuera. Laura quer atopar o corpo da súa mai antes de morrer e se non é posible, alomenos, recuperar a otros de los nuestros”. Con afouteza fita a pá escavadora cun aquel esperanzado. Antes de marchar o vento recolle dos seus beizos  unha pregunta lapidaria, definitiva, demoledora: “Canto tempo habemos agardar máis para atopalos?”
A Arqueoloxía na que cremos consiste precisamente nisto, en recuperar o tempo perdido. Por iso estamos aquí.

1 comentario:

Patricia Mañana-Borrazás dijo...

qué bueno!! si que habéis tenido un viaje completito :))
Suerte en la campaña