9/7/12

Teófilo Caamaño



Verbena popular a rentes do hórreo de Lira (Carnota) organizada pola Asociación A Canle. Noite estrelecida. Un rapaz que estivera no serán na nosa barferencia en casa Louro achégaseme coa Estrella na mao. A súa avoa ía de nena coa avenza á Torre dos Mouros: "Alí só hai pedras" foi a lacónica resposta da muller cando lle preguntaron polo sitio. O neto non é tan escéptico. Entre grolo e grolo a conversa devala cara ao pasado recente e aparece sen querelo a historia de Teófilo Caamaño, figura novelada por Luís Lamela na súa novela Escapado. Este home, republicano e galeguista, vendía tella por esta zona da Costa da Morte. A guerra sorpréndeo nun mercante en Melilla, engrosa as forzas da Lexión e ao cruzaren á península deserta pasándose ao bando republicano. Teófilo loita até a fin, pasa a Franza e e forma parte do maquis na loita contra os ocupantes nazis. É apresado e enviado a Mauthausen, de onde escapa de xeito milagroso, non sen ver mortos antes a familiares seus. Volta á Resistencia e entra acompañando á división Leclerc en París en 1944. Na postguerra volta a España traballando en mil quefaceres e remata os seus días en Segovia, onde coñece ao cantante berciano Amancio Prada, quen recopila historias e cantigas que Teófilo levaba canda si dende os anos mozos en Carnota. O disco De mar e terra. Coplas de tradición oral  (1999) recolle a memoria deste personaxe.

En Lira, en 1936 Castelao leva a cabo un mítin a prol da causa autonomista. Nese mesmo local un monumento recorda o acontecemento. Despiis chegaría o tempo do terror, os esapados ao monte Pindo e os campos de concentración nas rías de Arousa, Muros e Noia.

No hay comentarios: