30/7/12

Errantes, Atlantes e xentes de antes



No bar Louro de Lira, onde se gardan as chaves da igrexa parroquial, tivera lugar a primeira barferencia do proxecto da Torre dos Mouros. O que todo o mundo sabe é que dende moi cedo, os petrucios do lugar imparten barferencias as vintecatro horas. Este domingo pasado, mentres damos conta do primeiro café da mañanciña, os paisanos tertulianos interésanse polo que está a acontecer estes días por alá arriba. Un señor xubilado, emigrado no seu día nun cantón suízo, ten moi claro que os mouros nada teñen que ver cos moros. Outro home, que leva  a voz cantante dentro e fóra da barra, expón a súa versión da historia da humanidade. Segundo el hai tres fases principiais no devalar histórico; o primeiro período sería a época na que a xente andaba errante polo mundo. Aquí sitúa o noso interlocutor o sitio arqueolóxico da Torre dos Mouros. Despois da agricultura e a gandería chegaría a revolución da máquina de vapor, até chegar a hoxendía coa informática e a tecnoloxía, a un novo tempo no cal os pícaros aprenden aos maiores.
Da historiografía a conversa vai derivando cara á introdución da cocaína nestas terras, a mediados da década de 1970. Emigrantes en Venezuela traían pola festa kilos de café e de algo máis, pós branqueciños que nin na alfándega do aeroporto de Barajas sabían moi ben que era. Moi sonado era o caso dunha vella emigrante a Caracas que levaba canda si unha imaxe da Virxe da que non se desprendía durante o voo, para curar o pánico. Esta devota enchía a virxe de porcelana de farlopa colombiana. Historias trasatlánticas.
-“Antón que queres ser de maior?”
-“Mouro”.
Así comeza unha nova mañá de encontros e experiencias coa xente que se achega á Torre dos Mouros, a eterna vixía dos aconteceres da terra de Lira. Unha señora xubilada oriúnda de Madrid achégase para preguntar pola existenza de auga na Torre do Mouros. A pregunta é acaída; sen embargo, a curiosa señora non quere que lle falemos de mananciais nin de posíbeis alxibes. Ela ten clara a súa hipótese: “Este es un sitio de los antiguos, con una fuerza y energía que todo el mundo conoce. Recinto circular y agua en medio, no hay duda, esto es muy anterior a los castros y los castillos, esto es obra de… los Atlantes”. Para chegar a este discurso cómpre ler bastante, a Platón,a esgrevios representantes da literatura paracientífica como Sánchez Dragó ou J. J. Benítez. Un exemplo máis da pluralidade de visións que conflúen no Patrimonio arqueolóxico. No Curro do Medio da Torre dos Mouros lidiamos con distintos enfoques que compiten nun mesmo mercado. Mais que criminalizar aos seguidores da Atlántida cómpre escoitalos e amosarlles outros discursos, máis alicerzados. Non serei eu quen lle quite o soño dos mouros ou dos atlantes a ninguén.
Pola noite, a barferencia no bar Illa no peirao de Lira dá paso a un debate que deriva na existenza ou non da Galiza celta. Xente do público equipara a literatos e científicos, ten tanta validez o que di Suso de Toro có que di un especialista na Idade do Ferro. Mesmo parte do público arríncase con bravos e ovacións cando alguén reafirma a identidade celta galaica. Toda una leción que amosa de novo como a etnicidade e a identidade se construén nunha democracia participativa. Durante a barferencia un borrachín que non gosta do silenzo amosa o seu disgusto, érguese e cando cruza a soleira da porta do bar, abaneándose, co mapa da Rioxa na faciana, berra cun aquel de wester: “Eu aquí non aprendo nada”.
Un rapaz novo, camareiro  en Louro e comuneiro en Lira, cóntanos como o seu avó o levaba de pequeno á Torre dos Mouros. Hoxe el ten una concesión para reutilizar o Curro do Medio para gardar cabras e ovellas. Expectante co que poida pasar trala escavación arqueolóxica, pregúntanos polo futuro. Sen dúbida, o futuro será diferente, porque a Torre dos Mouros é agora un sitio arqueolóxico que será catalogado e protexido. Loxicamente o Patrimonio non conleva sempre historias apaixoadas senón que tamén xenera conflictos en países tan apegados á terra como a vella Galicia. Así e todo, as cabras son un magnífico remedio para manter limpa a Torre dos Mouros.
Estrella, una moura de Lira de 53 anos, cóntanos como evoluciona o cadeliño Caravel, que sufriu o outro día un accidente de tráfico. Como recordo inesquencible da Torre dos Mouros, pídenos que lle regalemos nós unha pedriña, “un símbolo”, como a pedra que pousan os xudeus nas tumbas ou os pelegríns nos milladoiros a rentes dos camiños xacobeos. Como Estrella, vagalume de ilusión e de esperanza, todos fomos adoradores e  carretadores) de pedra este mes nas terras de Lira.
Moncho, o pai de Simón, xove promesa arqueolóxica deste país, cóntanos o abraio que lle causara a súa primeira participación como voluntario nunha escavación arqueolóxica., sendo el mociño. Un equipo do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento traballara na Cova de Moura en Argalo (Noia). “Dende a cova da Moura ata a Ponte de Argalo hai os saberes de sete reinados”, dicían os vellos do lugar. Moncho atopou  no corredor do dolmen un dos afamados idoliños de pedra de Argalo e lembra o achado como se os anos non borraran a súa paixón xuvenil polas cousas e as pedras de antes. Coméntolle que parte deses idoliños se expoñen na exhibición “Gallaecia Petrea” na Cidade (baldeira) da Cultura. A última vez que el os vira fóra nos baixos do local antigo do IEGPS, entre San Xerome e Fonseca, gardados en caixas de froitas. Pouco ou nada sabemos dos resultados daquela intervención arqueolóxica, seguindo esta vesánica alerxia á palabra escrita por parte da Arqueoloxía galega. Moncho fálame da atracción que se sinte polo contacto físico co pasado, exhumando obxectos antigos e remexendo na terra. Esta sensación non pode ser substituída nin por centros de interpretación, nin por aulas didácticas, nin por reconstrucións virtuais.
Mentres escribo isto coas mans aínda enzoufadas na terra moura da Torre dos Mouros, lembro a frase lapidaria guindada ao aire por un señor cando marchaba tras participar na última visita guiada á escavación arqueolóxica: “Os galegos miramos coas mans”. Fermoso e certo.