17/6/12

O Faraón




En Frankfurt tivemos ocasión de ver a megaexposición itinerante sobre Tutankamon, con réplicas a tamaño real dos elementos máis sobranceiros da tumba. Así e todo, quedámonos coa historia de Howard Carter, durante moito tempo tratado despectivamemte pola Arqueoloxía académica (un clásico) que o consideraba un saqueador de tumbas. Carter era un excelente debuxante, fillo de artista, e traballou en escavacións na terra do Nilo dende os 18 anos. Un voluntarioso voluntario, novamente. O rexistro que fixo, malia os impedimentos políticos, problemas de conservación e demais, é abraiante. As súas reflexións sobre o traballo de campo seguen a ter validez hoxendía.
Esta exposición é un magnífico exemplo de mercadotecnia arqueolóxica superlativa a escala global. A entrada rolda entre os 16 e 20 euros, e a megatenda de souvenirs devala entre o kitsch e o gore e alí podes mercar o chapeu do todopoderoso exiptólogo exipcio Zahi Hawass... por 45 euros. O fetichismo arqueolóxico non ten límites. A exposición atópase nunha zona da cidade con forte presenza de inmigrantes etíopes, eritreos e do N de África. Neste contexto, os graffiteiros que se fixeron cos lindes da edificio non semellan esquencer a cercanía de Hawass ao rexime de Mubarak ou iso parece. Novamente, un home, un chapeu...