2/3/12

Mexillóns, noxos e cintas de vídeo


A raíz dunha crónica miña no XornalCerto sobre os exitosos VI Encontros Arquelóxicos do Barbanza,a benquerida arqueóloga berciana Maria José Bóveda vén de publicar unhas notas interesantes no seu facebook, que reproduzo aquí como homenaxe intelectual:

Vanitas vanitatum et omnia vanitas
Sempre resulta enriquecedora a crítica arqueolóxica, sobre todo cando está claramente cargada de autocrítica como é sen dúbida este caso. Porque unicamente como autocrítica pode considerarse o síndrome de Matusalén, cando ven retratado por un arqueólogo que adoita aparecer na prensa (imaxino que por culpa de “xornalistas de perfil baixo, obsesionados polas cifras”) por escavar en xacementos cos niveis máis antigos, os elementos de importación máis senlleiros ou as fortificacións máis antigas.
Chama poderosamente a atención o suposto cambio evidenciado entre o público que asiste a estes encontros cambio que, tras 6 anos de asistencia, eu non son capaz de observar, e que imaxino que os organizadores poderán contrastar con cifras reais: veciños, estudantes, arqueólogos e profesores volvían a encher a sala (aumentando anualmente o número de profesores de secundaría moi interesados pola arqueoloxía).
Evidentemente pode ser criticable deixar un día específico para “figuras” da arqueoloxía, normalmente catedráticos de renome procedentes de fora de Galicia, moitos afeccionados á arqueoloxía aparecen ese día para ver en directo a xente que lles soa dos libros de divulgación. Pero pese a todo podo asegurar que dende un punto de vista estritamente arqueolóxico tanto Germán Delibes como Primitiva Bueno traían auténticas primicias.
Moi coñecido polos arqueólogos o xacemento de Chao de San Martín resulta espectacular para calquera e unha grande parte do público non o coñecía de nada, polo que fliparon coa magnífica exposición de Angel Villa. No caso de Rodrigo Balbín, que tamén comentou algunha novidade de interese arqueolóxico, podería repetir a conferencia que lle dera a gana ou incluso falar de toros, porque como bo showman, mantivo ao público expectante e rendido durante toda a charla, escoitándose risas e aplausos constantes, incluso entre sectores do público que non o coñecían persoalmente ; ))
Considero que tanto Bea Comendador como Rafael Rodríguez, son uns grandes comunicadores. Impresióname, dende sempre, a capacidade didáctica de Bea, así como a facilidade con que transmite coñecementos, as veces de gran complexidade, dun xeito tremendamente ameno. Pero non podo deixar de preguntarme se quedarían tan ben parados, na crítica de Xurxo, se non resultasen ser a súa actual compañeira de departamento e o seu supercoleguita.
Evidentemente os meus comentarios non son desapasioados, xa que me considero lixeiramente insultada por pertencer a esa xeración “que devala entre os 30 e 45 anos de idade” e que ten traballado nos últimos anos nas obras públicas, incapaz de transmitir coa xenialidade duns poucos elixidos os seu escasos coñecementos, e que, polo tanto, “reproduce na súas intervencións o enfoque hiperespecializado propio da Academia” e contra a que tanto desprezo se destila na súa crítica.
De feito ese desdén evidente cara un sector da profesión fíxome por un segundo desexar que os putos mexillóns do foro gastronómicos estiveran ben cargados de toxinas DSP e PSP (e calquera outra sigla que conleve trastornos estomacais severos). Desexo que, tras meditar uns instantes, desapareceu, xa que tampouco semella demasiado problemático ser menosprezado por alguén que a día de hoxe, e autoconsiderándose un pequeno xenio da arqueoloxía Galega, non coñece a cronoloxía dos longobordos, non valora a importancia de aparición de materiais orgánicos en contextos paleolíticos, confunde a inexperiencia na divulgación arqueolóxica con arrogancia e autoafirmación gremial e sobre todo ignora e minusvalora os traballos dos compañeiros que traballan en castrexo, xa que as 3 intervencións realizadas sobre ese tema foron brillantes, moi interesantes e didácticas (segundo os meus colegas non arqueólogos que SI estiveron presentes en todas as intervencións).
Por suposto hai algunha cousa na que podo estar de acordo, como que xa non se fagan as mesas redondas, ou cando menos preguntas directas tras as intervencións, pero imaxino que os problemas de tempo que estas ocasionaban e a evidente timidez para participar de xeito directo que amosaba unha gran parte do público, son motivo dabondo para que deixaran de realizarse. Tamén, claro está, resulta excesivo e lamentable o populismo nas intervencións dos políticos presentes, por outro lado algo completamente habitual en calquera acto no que participe un político e ao que o criticador está máis que acostumado......... E é neste punto cando, sen necesidade de caerme do cabalo, vexo repentinamente a luz: non será que todo este vai vir a que os señores políticos de Boiro xa non queren ao amigo Xurxo?
Non será que as críticas desapiadadas, os insultos, os desprezos e esa tremebunda inquina ronchona (focalizada sobre todo cara un sector da profesión que se la trae ao pairo, xa que lle resulta irrelevante para a súa futura proxección profesional e pode pasarse con el sen medo a atopalo máis tarde no seu camiño cual arriero vengativo), son simplemente unha nova ración da xenreira que ten cara calquera cousa que se faga no Centro Arqueolóxico da Barbanza?.
Non estaremos ante un novo episodio do seu lastimoso culebrón “me botaron de Neixon pero era mío”?.
Unha nova pataleta de arqueólogo mimado baseada unicamente en que no seu momento o concello de Boiro decidiu deixar de contratalo e buscarse outra asistencia técnica para continuar co proxecto?. Despido completamente procedente e por razóns que nada teñen que ver con metodoloxía, interpretación ou práctica arqueolóxica senón con problemas administrativos e que, cun sentido de ética e da cabaleirosidade que este tipo evidentemente descoñece, non son do dominio público.
Espero que non sexa esta a razón que move a súas críticas, asegúrovos que nalgún remoto lugar do meu corazonciño de obsoleta arqueóloga da pailanada ansío que sexa unha crítica sincera e aséptica, redactada dende o criterio profesional e a obxectividade, e non dende o despeito e a xenreira. Xa de paso anhelo que alguén lle pasara en vídeo todas as conferencias as que non asistiu para poder redondear a súa critica, sabendo do que estaba a falar e non animado por comentarios maledicentes de colegas que coma el roñan e botan espumarajos pola boca con calquera cousa que teña que ver, aínda que sexa remotamente, con Neixon, Victor Barbeiro ou co concello de Boiro.
E xa postos tamén desexo que me toque o euromillón............

Crónica en http://certo.es/index.php?page=vi_encontros_arqueoloxicos_do_barbanza

1 comentario:

Archeoten. dijo...

Isto é o que se soe chamar eufemisticamente "bó rolhito" ...meu Teutatis!