9/2/12

O Pazo da Golpelleira



O camposanto de VilAgarcía de Arousa brindounos hoxe toda unha lección sobre a Historia social e cultural deste país. Estamos a falar da fidalguía galega como clase social, daqueles señores da terra que tan ben retratou Otero Pedrayo, que seguían mantendo a cosmovisión do Antigo Rexime en pleno Estado liberal. Os fidalgos renunciaron ao idioma local, seguiron mantendo toda a mitoloxía do solar pacego como referente identitario e pasaron a engrosar as filas da Administración e do Exército. Neste contexto, a guerra colonial de Marrocos igualou polo baixo a campesiños e fidalgos. Os primeiros como carne de canón, sen cartos para pagaren a exención do servizo militar (cousa que si facían os burgueses), e os segundos como mandos do glorioso Exército español, todos masacrados polos rifeños. O capital, sen embargo, non tivo que tomar cotas con baioneta. Velaquí tedes unha tumba que resume toda esta historia:

Miguel Remírez Esparza y García-Ponte,
capitán de caballería
murió heroicamente
el 18 de octubre de 1924
en el Fondak (Áfrika)
al frente de su sección
a los 29 años de edad
y su hijo
José Luis Ramírez de Esparza
y López-Ballesteros,
falleció en el Pazo de la Golpelleira
el 5 de abril de 1931
a los 10 años de edad
D.E.P.

Curiosamente a cita expresa ao pazo da Golpelleira esténdese a todos os membros da familia, algún deles soterrado en época recente (ano 2000). O pazo como imago mundi, como topos, como referente material do status, a clase, o pretixio social e a identidade familiar. Nesa familia e nese pazo naceu o ilustre devanceiro Luis López Ballesteros (1782-1853), ministro de Facenda na Década Ominosa con Fernando VII e que rematou os seus días como presidente da Real Academia da Historia.