2/1/12

A derradeira lección do mestre


Foron aqueles tempos dos anos 30 de Misións Pedagóxicas, de cruceiros polas rías, de excursións e exploracións, de renovacións didácticas que herdaban iniciativas xa desenvoltas nos tolos anos vinte, como xa acontecía no afamado Instituto Provincial de Pontevedra, onde docentes como Losada Diéguez, Sobrino Buhigas ou Castelao renovaban o ensino con constantes clases práticas e saídas ao campo. O que hoxe chamamos patrimonio arqueolóxico comezou a interesar a uns mestres, moitos deles embebidos da ilusión do galeguismo cultural e político. Cómpre lembrar que o estudo arqueolóxico dos castros xurdiu en Galicia co gallo das obras públicas. O castro de Santa Trega e o castro de Troña, por poñermos dous exemplos sobranceiros, foron descobertos nos anos 10 e 20 coa apertura de senllas estradas para acceder ao santuario de turno. De contado, a Arqueoloxía galeguista, a través do Instituto de Estudios Regionales creado polo malogrado reitor compostelán Cadarso, continuou o pioneiro labor de Cuevillas abrindo nos anos 30 novos xacementos castrexos como Baroña e Borneiro (véxase Dombáter). Asemade, o labor de extensión universitaria levado a cabo polo Seminario de Estudos Galegos creou un clima de interese cara ao mundo dos castros que se estendeu ao ensino primario. De feito, nos anos da República, mestres das zonas máis dispares de Galicia, levaron aos alumnos a fochancar en castros da contorna da escola, na procura dos celtas devanceiros. Un mozo X. M. Álvarez Blázquez reflexou nos seus diarios de 1934 e 1935 este tipo de intervencións arqueolóxicas entusiastas e para nada académicas, como as que fixo con outros compañeiros de Maxisterio no castro tudense da Guía: “cunhas picarañas e uns sachos dispuñámonos a virar o monte patas ao aire”, escribía coa convicción propia dun adolescente curioso e despreocupado. Un ano despois os fascistas asasinaban a seu pai.
A tráxica viñeta de Castelao amosa ben ás claras a estratexia fascista para rematar cos mestres que espallaban por este país noso os valores da democracia durante a IIª República. Queda por facer a historiografía dunha trauma como é o destino dos mestres republicanos depurados, algúns deles foráneos refuxiados en Galicia, e outros que remataron medio agochados dando clases en pasantías e academias privadas na postguerra. A creba de 1936 no eido do ensino foi unha faciana máis da estratexia de coerción social deseñada polo autoritarismo tradicionalista. Con todo, a semente da Lingua das bolboretas seguiría dando algún froito durante a longa noite de pedra. Novos docentes, sobre todo mestres rurais, formados na educación de preguerra foron quen de manter o interese polos restos arqueolóxicos que inzaban o país. En varios dos castros nos que temos traballado en Galicia remanece na memoria colectiva o nome e bo facer dalgún destes heroes anónimos que se preocuparon pola concienciación patrimonial da poboación escolar. De todos eles, imos escoller a don Olimpio Arca, mestre rural na Estrada, dramaturgo e ensaísta. O seu traballo de interacción co medio nos anos 60 e 70 na escola de Couso non só serviu para gañar certames estatais (Mantenga Limpia España) ou condecoracións (Cruz de Afonso X), senón que conlevou a catalogación arqueolóxica completa e unha sistemática recolleita etnográfica comarcal, gardada como ouro en pano no Arquivo do Museo de Pontevedra, de consulta obrigada para calquer especialista en patrimonio cultural de Galicia. Don Olimpio seguiu os pasos de don Fermín Bouza Brey cando era este xuíz na Estrada e continuaba con alumnos, voluntarios e afeccionados as exploracións en castros da zona. Don Olimpio ostenta a presidencia de honra da Fundación Terra Termarum, entidade artífice da marabillosa recuperación do castro de Castrolandín (Cuntis, Pontevedra) dende o ano 2000. Un sitio ao que se sinte vencellado dende a nenez, cando o seu avó lle recitaba aquilo de “En Castrolandín, na mañanciña de San Xoán, arrecenden as rosas e alumea o sol”, copla moi semellante ás recolleitas xa por Murguía nas terras de Padrón a fins do século XIX. Nestes días, don Olimpio está a escribir a súa enésima obra de teatro, na que trata un conflicto casadeiro entre familias dos castros de Laxos e Castrolandín. Escoitar a don Olimpio é o máis semellante a sentir un discurso pronunciado nos banquetes galeguistas dos anos 30. Nunha recente entrevista, don Olimpio, case nonaxenario, verque o talante propio dese maxisterio crebado en parte pola ditadura, defende un ensino crítico e independente, e amosa un compromiso social que pode servir de guieiro para unha xestión do patrimonio democrática e plural neste século XXI: “Eu non son escritor. Se se quere son investigador, aínda que me definiría mellor como un furafollas. Comecei a escribir para os pequenos na escola obras de teatro das cousas que pasaban nos arredores. Eu sempre partín de dúas bases para unha educación integral: que o alumno tivese confianza no profesor e, despois, que no ensino coñecese moi ben a súa contorna (os seus cruceiros, os seus ríos, os seus muíños, os seus castros) para pasar dese particular ao universal. Aínda lembro a primeira vez que cheguei a Castela e me atopei co río Valderaduey -que aparecería no libro de Xeografía- e que era máis pequeno que o río da miña aldea”.

1 comentario:

Anónimo dijo...

qué fermoso post, parabéns