3/10/11

A xirafa


A estratexia de promoción turística da contorna de Puebla de Lillo baséase no turismo de temporada invernal e na divulgación dunha visión idílica e narcotizante da paisaxe natural desta zona ubicada nas estribacións dos Picos de Europa. Nesta liña instálase comodamente a Aula de Natureza e outras escenografías un chico máis grotescas coma o Museo de Fauna Salvaxe que recolle a colección dun furtivo particular grazas a subvencións públicas. O gracioso foi que cando xa estaba rematado o edificio tiveron que tirar o teito e facer unha nova pranta para que entrase o corpo disecado dunha xirafa. Paga Europa.
Tralo noso periplo por terras montesías marchamos ás terras do Ebre a pescudar a coñecida coma primeira batalla da Segunda Guerra Mundial. Chegamos a La Fatarella, unha fermosa vila que conserva a améndoa medieval, inzada de arcos oxivais e vellas casas que un día pertenceron á Orde do Temple. Emprazada perto de Gandesa, os seus mil habitantes viven do sector agropecuario. Estamos en plena vendima. O noso palista, Óscar, ten un aire a Silvester Stallone. Coa súa máquina ten exhumado unha manchea de restos da guerra civil ao habilitar terrados para viñedos e amendoeiras. De pequeno fartouse de xogar con granadas Lafitte até que un día o fulminante dunha delas deulle un bo susto. A nosa contraparte nestas terras é a Asociación Lo Riu, adicada á recuperación do Patrimonio arqueolóxico e histórico vencellado á batalla do Ebro.
A alma mater desta entidade é Joan, un soldador xubilado que ten loitado por preservar a memoria dos que morreron pola República nesa cartografía mítica da batalla do Ebro: as serras de Cavalls, Pándols e La Fatarella. Nesta última serra, inzada de aeroxeradores eólicos, comezamos a escavar unha trincheira republicana, nun outeiro que se convertiu no epicentro da retirada republicana trala derrota. Cincocentos homes escollidos para manter o combate corenta e oito horas, o tempo xusto para que pola ponte de Flix se replegasen ordeamente vinte e cinco mil compañeiros. Cincocentos heroes que foron aniquilados polos tabores de regulares, as brigadas navarras e os carlistas cataláns do Tercio de Monserrat, axudados pola aviación e os panzer da Lexión Cóndor. Os nacionais tiveron 220 baixas. Unha masacre.
Pau era un adolescente en 1938. El e outro compañeiro foron reclamados polos republicanos e puxéronos a escavar trincheiras na Fatarella. Moitos anos despois, el mesmo mercou algunhas leiras ocupadas polas gabias que el escañara de pequeno, e adicou moito tempo e esforzo a rechear con blocos de caliza o interior das trincheiras, cheas de cadavres. Traumas da infancia en guerra. A mai de Joan adicouse, coma outras familias na postguerra, a recoller casquillos, granadas e proxectís para vendela como ferralla. Seica ela fitaba con desconfianza este negocio porque pensaba que se voltaría empregar ese metal para fabricar nova munición que podería ser empregada nunha nova guerra contra eles, a xente do común.
Pola súa vez, Xavier é profesor da Universitat de Barcelona e experto en Didáctica do Patrimonio. Dirixe o equipo catalán que colabora connosco nas escavacións das trincheiras republicanas da Serra de la Fatarella. Cóntanos como a súa mai mantiña a lembranza dun feito que forma parte da memoria colectiva da xente do barrio emprazado ao sopé do zoolóxico de Barcelona. Nos últimos meses da guerra, cando os suministros fallaban e os avións alemáns e italianos bombardeban sen cesar a cidade condal, a fame era a negra. As familias do barrio decidiron entrar no parque da Ciutatdella. Botaron man da xirafa e dela comeron centos de persoas.
A visión predominante da guerra civil vixente na sociedade española é a que chantou a manobra propagandística franquista (da man dun xove Manuel Fraga) co gallo da celebración dos vintecinco anos de paz en 1964. Este enfoque pretende ollar o conflicto coma unha xirafa que albisca dende o alto o que acontece alá embaixo, como se non fose con ela. A imaxe cambia cando indagamos sota terra, com diuen en aquestes terres de l’Ebre.

Fotografía: bombardeo italiano sobre Barcelona durante a guerra civil. As bombas acabaron con homes, mulleres, nenos e tamén animais do Zoo da cidade.