11/8/11

Parque Xurásico


Antonte adicamos todo o día a facer unha xeira arqueolóxica polo Barbanza, nunha semana na que hai overbooking nos xacementos desta zona de Galicia, entre rutas, promocións turísticas e congresos. Todo este amplo abano de actividades semella reflectir un excelente modelo de xestión do Patrimonio arqueolóxico barbanzónico, ou non? Velaquí vai a primeira pílula de realidade. O arqueódromo periurbano de San Roque en Ribeira, unha escenografía para o lecer de indubidable éxito (véxase o señor botando unha siesta postalbariño brutal), promocionada polos políticos locais no seu día coma unha reacción á creación por parte da Xunta do Centro Arqueolóxico de Barbanza en Boiro. Para contrarrestar esta afrenta, botouse man dos obradoiros de canteiría e xa sabemos que a imaxinación dos canteiros galegos é infinda e proverbial. A este respecto, o falso parque arqueolóxico de San Roque ten un problema: confunde e fai confundir aos visitantes, até o punto de que existe un centro de interpretación de algo que non ten 10 anos, até o punto de que os carteis ao pé do castro recreado con rebarbadora aconsellan ao turista non pisar os muros do reconstruído para preservar os restos, como se fosen auténticos e milenarios. Así pasa que unha rapaza manchega se pasase cinco minutos procurando las piedras originales, las de verdad.

No hay comentarios: