23/8/11

O negro da máquina


En Guinea Ecuatorial non existen os xornais. Os kioskos que se poden atopar por Malabo adiante foron traídos directamente de España pola flamante directora da Biblioteca Nacional, Guillermina Mekuy, seguindo o modelo madrileño de Esperanza Aguirre.
Nestes tenderetes o cidadán non atopa nin un mísero remedo de prensa escrita, agás o panfleto da Gaceta de Guinea Ecuatorial. As estanterías están ateigadas de exemplares do bestseller “Mi vida por mi Pueblo”, manifesto político do ditador Obiang, excelso volume ao que acompaña a última novela dunha escritora emerxente ecuatoguineana, que non é outra ca a antedita directora da Biblioteca Nacional. A semana pasada, esta Guillermina Mekuy, protexida de Obiang, era entrevistada na Radio Nacional española (Radio-5). A canle pública española dando pábulo (e noxo) á literatura oficial de Guinea ecuatorial.
Na outra estrema, o pasado 22 de xullo daba unha conferencia na Universidade de Santiago de Compostela, convidado pola Hofsfra University de Nova Iorque, o escritor ecuatoguineano Juan Tomás Ávila Laurel, exilado en Barcelona dende hai uns meses. Activista a prol dos dereitos humanos, este home oriundo da illa de Annobón leva anos denunciando con valentía as tropelías da demencial ditadura de Obiang, guindando á rede pequenas xoias ensaísticas no blog da revista dixital FronteraD. Na súa charla na Facultade de Ciencias Políticas decidiu comezar comentando un pequeno vídeo clandestino que amosa o brutal contraste entre a mísera vida cotiá do pobo ecuatoguineano (como ben resumiu Juan Tomás, “en Guinea hay poquedad de todo”) e a megalomanía dun rexime que liquida os cartos do petróleo na construción de grandes recintos e escenografías inútiles para acoller o cumio da Unión Africana ou a vindeira Copa de África.
Seica un dos mellores falsificadores de documentos oficiais da Europa occidental reside dende hai tempo na cidade da Coruña. Africano subsahariano, é ben coñecido por xuíces e avogados que se adican a defender os intereses de bancos e administracións timadas pola mestría deste home. Coa que está caíndo, non deixa de caír ben este inmigrante artesán que inventa dende certificados de matriculación de coches que non existen no mercado até documentos nacionais de identidade. Este insigne falsificador corre pola cidade herculina co apodo de “o negro da máquina”. O escritor ecuatoguineano Juan Tomás vén sendo o negro da máquina da loita pola liberdade, xa que da súa vella máquina de escribir, a proba de cortes de luz, teñen saído poemarios e novelas que amosan os anceios do pobo común do seu asoballado país. De feito, fai realidade o dito co que o sátrapa Obiang pecha o seu panfleto “Mi vida por mi pueblo”: “las palabras existen para defender la verdad, no para ocultarla”.
Publicado orixinariamente en Galicia Confidencial

Fotografía: obradoiro arqueolóxico para escolares na illa de Mandji, durante o noso proxecto de escavación en febreiro deste ano. Guinea Ecuatorial ocupa o último posto en educación da ONU e o mesmo Goberno marxinaliza o ensino nas comunidades periféricas coma unha ferramenta máis de control da poboación. Estes nenos e nenas apenas saben ler, escribir nin mesmo debuxar.

No hay comentarios: