Por que se mata o que se admira?
A destrución é unha posesión absurda. Posesión non é admiración. Eliminar non é superar.
Ora ben, todos os anteriores mecanismos están presentes na lóxica do cazador, na do guerreiro, ambas as dúas en masculino e singular.
O recoñecemento social da individualidade persoal, tan querida para a nosa cultura occidental -condición de posibilidade da liberdade- xorde nos inicios da Idade do Bronce como vindicación doutros valores quizais non tan asumibles hoxe en día como primordiais, nin sequera como positivos: o guerreiro, o macho, o cazador. Os tres arquetipos atópanse representados no cervo da Laxe dos Carballos: os dous primeiros no propio animal e o terceiro nas xavelinas que aparecen cravadas no seu lombo. Os tres iranse fundindo co tempo no guerreiro, némese do cazador que alcanzará a súa apoteose no Bronce Final.
Que traxedia a das sociedades humanas! case sempre foxen do pote para caer no lume.
Co inicio do neolítico comezouse a produción de alimentos que, alén do seu inicio circunstancial cunha posible crise alimentaria ou un aumento demográfico propiciado por causas climáticas, buscou -sen dúbida- un maior grao de autonomía para o grupo social que naquel momento o era todo; como o "terceiro estado" para o abate Sieyès, pero de verdade. É certo que conseguiron maior grao de autonomía sobre outros grupos sociais, mais ao comezar a sedentarizarse -o cultivo así o esixe- converteron os recursos que antes eran ilimitados en algo finito, porque por natureza o territorio debe ser controlado. Vívese da natureza -nela- pero o territorio ten que ser posuído para selo. Así -ao final desta etapa- uns grupos comezaron a competir con outros, coa inevitable imposición duns e submisión ou absorción doutros.
A volta de rosca conseguinte para lograr outra vez maior autonomía para cada grupo local fíxose posible de novo grazas a unha revolución tecnolóxica nos albores da Idade do Bronce que estivo baseada en boa medida no desenvolvemento de novos oficios artesanais que posibilitaron a explotación de produtos distintos da carne na gandeiría, e do gran na agricultura. Neste momento empézase a usar un arado lixeiro que non permite facer rego, pero si romper o terrón. Presumiblemente comézanse a empregar primitivas técnicas de estercado e unha sorte de rotación de cultivos consistente na xestión consciente das zonas de barbeito longo dentro do territorio dominado polo grupo. A maior investimento de traballo, maior dependencia do seu rendemento e -por conseguinte- dos medios de produción e da infraestrutura; enténdase territorio e gando, que xa non só rende carne, senón tamén tiro, leite, coiro, e outras materias primas para a elaboración de produtos derivados.
Esta tecnoloxía veu acompañada -ou viuse favorecida- pola ideoloxía do guerreiro-cazador, que cadraba admirablemente coa delimitación e defensa do territorio. A rápida expansión da ideoloxía atopou un aliado na presenza nas súas canles de difusión de bebidas alcohólicas e quizais outras substancias psicoactivas que poden estar na orixe da realización de gravados como a Laxe dos Carballos.
Outra vez gañouse en autonomía e liberdade do grupo, mais as diferenzas internas que se crearon derivarían ao paso do tempo no establecemento das clases sociais. Antes os outros estaban fóra do grupo, agora están na casa. Co xurdimento da individualidade esnaquizouse a verdadeira solidariedade. Antano non existían estratexias de poder dentro do grupo, agora é o seu hábitat natural.
Que marabilla as sociedades humanas! A pesar de atoparse atenazadas por ideoloxías non precisamente sublimes, son quen de intentar sempre (outra vez) ser máis libres e -ao tempo- legarnos obras tan admirables e fascinantes como este cervo; metáfora delas mesmas: sorrinte e mortalmente ferido.
Fidel Méndez Fernández
Fotografía de Xoán Piñón, da Laxe dos Carballos en Campolameiro.
http://xoanpinon.blogspot.com/
2 comentarios:
Hacía tiempo que no disfrutaba tanto viendo y leyendo. Un soplo de aire fresco.
Comparto a opinión de Fireva. Grande o texto de Fidel.
Publicar un comentario