21/6/11

Cuarto aniversario


En xuño de 2007 comezabamos a andaina deste blogue socioarqueolóxico. Moitas cousas pasaron dende aquela, pero nós seguimos virtualmente no mesmo sitio, abogando por unha maneira de facer, sentir e transmitir a Arqueoloxía moi concreta, diametralmente oposta ao modelo de Arqueoloxía que se está a facer hoxendía na área arqueolóxica de Neixón. Este blogue seguirá sendo a canle de transmisión do coñecemento científico xerado polo noso proxecto, converteráse en breve no punto de descarga de todas as memorias de escavación (2003-2008) e seguirá sendo un portal para falar de arqueoloxía, memoria, política, identidade e persoas do pasado e do presente.
Recordamos aquí o decálogo co que iniciamos esta aventura, para que ninguén se chame a equívocos.

NO QUE CREMOS

1. A Arqueoloxía é unha prática social no presente que debe satisface-las demandas e necesidades da cidadanía e respostar ás esixencias do mercado.
2. A Arqueoloxía é unha ferramenta de construción social da realidade. Non é unha prática inocente, unha suxerente especialidade das Humanidades, senón que devén unha arma de primeira orde na xeración de discursos políticos sobre o pasado e na reconstrución e invención das identidades.
3. Conscientes deste feito, cómpre reflexionar criticamente sobre a Arqueoloxía como disciplina, redefini-lo seu potencial e aplicalo á sociedade. Esta perspectiva aplicada contribuirá a unha mellor valoración social da nosa prática, contribuíndo á concienciación patrimonial e ao desenvolvemento local.
4. Unha Arqueoloxía crítica contribúe a xenerar espíritu crítico na sociedade e axuda a construír, reconstruír e deconstruí-la memoria social a través do Patrimonio Cultural.
5. No proxecto de Neixón aceptamos e aplicámo-lo Código de Práctica da European Association of Archeologists aprobado en Ravenna o 27 de setembro de 1997
6. Seguindo ese código de conducta asumimos a obriga de enceta-los pasos necesarios para informar ao público xeral de tódolos obxectivos e métodos da nosa prática arqueolóxica, empregando tódolos medios de comunicación dispoñibles.
7. Asumímo-la obriga de preparar e facer accesible á comunidade arqueolóxica (e non arqueolóxica) as nosas investigacións co mínimo retraso posible, a través de publicacións e/ou medios electrónicos.
8. Asemade, o rexistro arqueolóxico exhumado (depositado no Centro Arqueolóxico de Barbanza) coma as nosas investigacións quedan á libre disposición de estudosos, estudantes e especialistas, seguindo a lexislación vixente na materia.
9. O proxecto de Neixón conta con tres grandes activos: a motivación do traballo voluntario, a interdisciplinariedade e a participación activa e maila integración da comunidade local.
10. Neste senso, o noso proxecto fuxe do academicismo erudito e tenta documentar e respecta-la multivocalidade, isto é, as diferentes voces e interpretacións que conflúen nos castros de Neixón. Resulta tan lexítimo o noso discurso científico, coma o imaxinario popular (coa súa visión mítica dos mouros como os habitantes primixenios de Neixón), coma a visión que teñen as persoas de Nine que seguen vendo Neixón coma un espazo vencellado á súa experiencia vital dende a nenez, ou as opinións de todos aqueles que utilizan ese espazo: xogadores de fútbol que fan alí a pretemporada, as mariscadoras, os vixiantes das Confrarías, os furtivos, os veraneantes e turistas, etc... Até certo punto a Punta de Neixón é unha escenografía da Postmodernidade, pero tamén é un espazo vivo que reflicte e, á súa vez, xenera, identidade.

Gracias a todos por entrar pola xanela de arqueoneixon.

3 comentarios:

Carlos dijo...

Parabens!!!!!! e sejiremos creendo

Anónimo dijo...

Y que sean muchos más...

Paesicus dijo...

¡¡Cumpleaños Feliz, cumpleaños feliz!! Te deseamos United Neixóns, Cumpleaños Feliz!!!

Enhorabuena por tu dedicación e implicación, por tu saber hacer y transmitir, por crear escuela, por convertir Neixón en algo más que una excavación arqueológica.

Un abrazo, amigo.