Camiño de Corisco
Nesa caixa de sorpresas que é a libraría de vello “Cajón de Sastre” en Ponferrada din cun exemplar das actas do IIIº Congreso da Sociedade Africanista Española, celebrado en Valencia en 1909. O volume serve de voceiro aos empresarios tiburóns da época que tentan abrir novos mercados trala perda das colonias ultramarinas en 1898. As olladas tórnanse ás migallas que a Conferencia de Berlín deixara a España no río Muni, a actual Guinea Ecuatorial. Nas conclusións do antedito congreso, Don Francisco López, Presidente da Cámara Agrícola Oficial de Fernando Poo, dá unha serie de consellos a futuros patriotas inversores, nun apartado titulado “Colonización de Fernando Poo”. Aquí podemos ler unha curiosa anotación etnográfica: “El indígena de los territorios del Muni, conocidos así por su proximidad al río, como todo guineo, es parecido al bubi, es decir, indolente pero muy guerrero, y por consiguiente, su mejor compañero es la escopeta, que cuidan con mucho esmero”. A violencia e a coerción como ferramentas colonizadoras inzan o discurso africanista da época, como queda posto en evidencia noutro capítulo do libro, cun suxerente encabezado: “Sobre por qué es necesaria una intervención militar española en África”. Este enfoque sería asumido rapidamente polos militares africanistas enfrascados nas guerras de Marrocos, sendo utilizado como medio propagandístico da renovación tecnocrática defendida pola ditadura de Primo de Rivera. Para o caso guineano, todo este proceso de implantación colonial no primeiro terzo do século XX foi magnificamente estudado polo antropólogo e historiador catalán Gustau Nerín (“Un guardia civil en la selva”, “La última selva de España”). O trunfo franquista en 1939 e a instauración do nacionalcatolicismo conlevou a consumación da idea de Imperio e as aspiracións africanistas da Madre Patria nos anos 40. Na inmediata postguerra é cando a Arqueoloxía fascistoide se puxo maos á obra, lexitimando as paranoicas aspiracións de Franco. Arqueólogos afectos ao Caudillo e promocionados polo novo rexime fixeron carreira daquela, como teñen analisado polo miúdo os profesores Víctor Fernández ou Francisco Gracia en acertadas e documentadísimas críticas historiográficas. Alonso del Real, Almagro Basch, Tarradell, Pericot, García Bellido, Martínez-Santaolalla... levaban a cabo escavacións e estudos sobre paleolítico ou arte rupestre en Marrocos e no Sáhara, defendendo a unidade cultural e histórica das dúas beiras do estreito de Xibraltar. Con adicatorias ao Caudillo amigo de África, escribían tanto na revista África (herdeira da Revista de Tropas Coloniales creada en 1929) ou nos Archivos del Instituto de Estudios Africanos do CSIC (1947-1966). O caso máis destacado é o do camisa vieja MartínezSanta-Olalla, que controlou o sistema de saber-porder arqueolóxico fascista até mediados dos anos 50. Este home escribiu un artigo científico surrealista en 1943 titulado “Los andaluces en Marruecos durante el Neolítico”. Até ese punto chegaba o entusiasmo dunha Arqueoloxía que tentaba fundamentar as mesmas reivindicacións territoriais que Franco lle solicitara a Hitler na entrevista de Hendaia para entrar na IIª Guerra Mundial. En 1945 o entusiasmo enfriouse un chisco. Así e todo, sempre quedaba Guinea Ecuatorial. Será agora cando arrinque a investigación arqueolóxica no río Muni e en Fernando Poo. O propio Martínez Santa-Olalla dirixe, con salacot e fusta, a primeira expedición arqueolóxica nese territorio dende o Seminario de Historia Primitiva del Hombre, nunha época na que estaban de moda as misións e “Expediciones Paletnológicas”. Un bo exemplo doambiente da época é o libro de Martín Almagro Basch “Prehistoria del Norte de África y del Sáhara Español” (1946) adicado “al ejército
español de África, mantenedor del espíritu heroico, civilizador y misionero de España”. Os responsables da explotación colonial sabían de sobra que ese espíritu non chegaba, e debía compensarse cun coñecemento exhaustivo do territorio, como fixeran as potencias coloniais europeas. Os científicos e misioneiros abrían o camiño aos empresarios e aos colonos. En Guinea Ecuatorial ambos os dous procesos
aceléranse nos anos 40. Un bo exemplo son as publicacións do Instituto de Estudios Políticos de Madrid, como o volume de Unzueta y Yuste: “Islas del Golfo de Guinea (Elobeyes, Corisco, Annobón, Príncipe y
Santo Tomé)” (1945). Este auxe da Arqueoloxía colonial oficial e académica decae entre os anos 50 e a independencia guineana en 1968, período no que a investigación arqueolóxica recae en misioneiros, nomeadamente claretianos cataláns, instalados en Guinea dende o século XIX. A súa influencia como poder civilizador a través do catolicismo explica comentarios como o recollido por Unzueta y Yuste no seu libro:
“En 1875, Iradier dice que había en el Oeste de la isla dos misioneros americanos y un alemán, siendo su influencia casi nula, a pesar de haber estudiado la lengua benga, formando una gramática y traduciendo a ese idioma la Biblia”. Para ser nula a influencia, non estivo mal.
En 2011 a investigación arqueolóxica española volta á illa de Corisco, da man dun amplo equipo formado por galegos, madrileños e cataláns dirixido polo noso compañeiro Alfredo González Ruibal. O CSIC retorna a Guinea nun contexto no que xa non se estilan fascistoides Expediciones Paleoetnológicas. Hoxendía o Goberno español inviste en cooperación internacional e a AECID ten oficinas permanentes en Bata e Malabo. O noso traballo contempla a formación práctica de arqueólogos guineanos e a realización de escavacións de urxencia no espazo afectado pola construción dun aeroporto na illa de Corisco. Doutra volta, o colonialismo e a Arqueoloxía colonial deron paso a unha Arquoloxía post-colonial dende a que estudaremos as misións claretianas decimonónicas, os fortes portugueses e holandeses, as misións presbiterianas ianquies, a factorías esclavistas de época
moderna, cando de Corisco saía ébano e homes, mulleres e nenos de ébano camiño da escravitude nas plantacións americanas. Toda esa arquitectura colonial, moderna e civilizatoria é unha ruína arqueolóxica comesta pola selva. Paradoxos do destino
En 1863 publicaba Du Chaillu en París o libro de viaxes “Voyages et aventures dans l’Afrique Ecquatoriale”. Nesta obra o autor francés fornece unha idílica visión da illa de Corisco: “Corisco ten os seus outeiros e os seus vales, os seus bosques e os seus lameiros, e tamén unha pequena lagoa ou estanque onde os canarios silvestres van a miúdo bañarse e pescar. Asemella un mundo en miniatura, pero un pequeno mundo con encanto. Unhas veces as súas costas están erizadas de rochas fendidas a pico, opoñendo a súa fronte inquebrantable ao furor das ondas que estralan contra os seus flancos; outras, son chairas e areosas, desenvolvéndose nunha soberbia praia branca, festoneada de fermosas palmeiras, entre as que se agrupan os pequenos poboados
indíxenas”. En 2011 Corisco, da mao do cacique local, ábrese ao turismo, mentres a baía homónima se abre tamén para extraer o petróleo que mantén o Poder, encarnado dende 1979 por un militar “africanista” formado na escola de Zaragoza nos anos 60, que se rodeou durante dúas décadas dunha belicosa Garda Marroquina. Paradoxos do destino...
Porque isto é África.
1 comentario:
Tanto rollo, tanto rollo, pero... ¿la de la foto no es la isla de Perdidos?
Publicar un comentario