11/3/11

Aurora e melancolía


Onte polo serán achegámonos á Facultade de Xornalismo para ver os minutos recuperados da cinta Galicia (1936) de Carlos Velo atopados recentemente por un investigador ruso na extinta URSS. Unha actividade máis dentro de Aurora e melancolía. XIII Congreso de historiadores do cine, centrado nesta volta no cine da II República. Antes da proxeción puidemos ver algún documento máis coma a visita do Presidente da República a Vigo en 1934 e un acto falanxista en Pontedeume. Impresionantes imáxenes. Despois tivo lugar unha mesa redonda na que participou Isaac Díaz Pardo que segue servindo a este país, memoria viva da época. No debate, Xoán Nogueira apuntou un detalle interesante dende o punto de vista arqueolóxico: os irmáns Barreiro, con obradoiro fotográfico na Coruña, acompañaron ao Seminario de Estudos Galegos na súa xeira de 1934 por terras do Deza e gravaron parte do traballo etnográfico e arqueolóxico. Trataríase do primeiro material audiovisual da Arqueoloxía galega. Aí é nada. Trala mesa redonda, a proxeción dos 20 minutos da montaxe final de Galicia de Carlos Velo. Este home tiña daquela vinte e tantos anos e foi quen de facer unha homenaxe que dignifica ás clases populares, moi na liña soviética. Un aspecto interesante é a plasmación gráfica de toda a ideoloxía paisaxística galeguista: a película comeza cuns aturuxos e uns planos de moles graníticas. Por algo Velo fora alumno no Bacharelato de Otero Pedrayo. Despois atopamos imaxes de cruceiros, de piñeirais, panorámicas de rías e vales... pero tamén un fondo interese pola arquitectura e o que chamamos hoxe etnografía. Aparecen primeiramente as pallozas do Cebreiro e no novo material descuberto temos un corte de dous segundos cuha vista xeral da área escavada no castro de Santa Trega e un detalle dunha cabana circular castrexa. Carlos Velo estivera asesorado polos irmáns Lorenzo, por Bouza Brey e por Cuevillas. Malia que a xeración Nós non lle fixera moito caso ao cinema (cousa dos tradicionalistas) a esa altura a Arqueoloxía galeguista abríase á Modernidade, proceso novamente truncado en 1936. O carro e o home, malia que se edita a comezos dos anos 40, é un produto máis desta época de preguerra.

No hay comentarios: