21/9/10

Arqueoloxía retranqueira




Levamos trinta anos reproducindo o mesmo discurso sobre as comunidades dos castros. Resulta abraiante analisar o enfoque verquido nos manuais escolares nas últimas tres décadas, ou nas grandes obras de divulgación. Nada cambiou. A Arqueoloxía vai polo seu lado e o mundo vai por outro: redes sociais, tecnoloxías 3D, novos medios de divulgación, demandas de contacto físico e virtual co pasado, unha sociedade multicultural, información en tempo real... todo iso lla sopla a grande parte do gremio, que prefire a típica solución galaica para estes casos: escarallarse da risa (3ª actitude). O sentido do humor e a retranca son básicos e tiñan que vir de serie. O que pasa é que en moitos casos a ignorancia é moi atrevida e ridiculizamos experiencias antes que poñernos a matinar: como facer atrativo o discurso arqueolóxico á sociedade? como recrear relativamente ben un castro? En vez diso seguimos coas nosas estratigrafías, tipoloxías e camadas 3db. Como se fosen spaguetti western ou romanadas cutres pasámolo ben sinalando en trailers, documentais e películas os anacronismos, as cafradas de atrezzo e ambientación, reseñando os prexuízos verquidos nas ambientacións (de xénero, por exemplo), ou regodeándonos no noso saber hiperespecializado. O problema é que non adoitamos facer o mesmo coa nosa produción científica, tamén inzada de apriorismos, marxinacións herdadas e ideas preconcebidas.

No hay comentarios: