16/6/10

Unha sutil diferencia





Levamos quince días traballando n'A Lanzada. A comunidade de Montes de Noalla é a propietaria histórica do campo d'A Lanzada, terreos onde se atopa o castro, unha necrópole baixorromana e restos altomedievais. Esta comunidade local, orgullosa de posuír un espazo simbólico, colabora con todas as institucións, políticas e científicas, para poñer en valor o Patrimonio arqueolóxico. A Romaría da Nosa señora d'A Lanzada a última fin de semana de agosto é o acontecemento do ano. Cómpre conciliar daquela a protección do Patrimonio arqueolóxico, as escavacións, coa festa. E non hai ningún problema.
En Neixón todo era así, cunha sutil diferencia. A Administración expropiou un monte comunal que era da comunidade local coa excusa do Patrimonio Arqueolóxico. Xa temos falado do que este proceso traumático supuxo para esta xente, o impacto negativo sobre a súa concepción da Arqueoloxía. Tralo traballo de anos esta situación revertiuse até que a Concellería de Cultura do Concello de Boiro e o suposto arqueólogo Víctor Barbeito do Centro Arqueolóxico de Barbanza decidiron pasar da comunidae local, destrozar o campo da festa e rachar as últimas esperanzas que quedaban de manter unha relación fructífera e respectuosa entre comunidade local-xacemento-Arqueoloxía. En Noalla a ninguén se lle pasa pola cabeza actuar así sobre o Campo d'A Lanzada. Nin dende a Administración local nin dende a Arqueoloxía académica, nin dende o Concello, nin dende a Deputación, nin dende o Estado.
Unha comparativa entre estes dous procesos de patrimonialización será a base da nosa comunicación no XVI Meeting da European Association of Archaeologists a celebrar na Haia (Holanda) entre o 1 e 0 5 de setembro deste ano. O noso traballo intégrase na sesión European communities: Models for Participation in Archaeology in Europe coordenada por Phil Richardson e Suzie Thomas. Unha vez máis levamos o nome de Neixón polo mundo adiante, para ben e para mal. Podesde maxinarvos a reacción dos arqueólogos e arqueólogas de Galicia, España e o mundo mundial cando expoñemos o estrano caso de Neixón, a actitude dos seus responsables e o resultado final desa actuación. Cada quen ten o que merece.

1 comentario:

soneira oubeando en dolby dijo...

que sabereis vosotros de lo que es progreso, peludos