Slavín
No camposanto militar de Slavín, nun fermoso parque dende o que se domina Bratislava, atópanse 6 tumbas colectivas e 278 individuais de 6.845 soldados do Exército Roxo caídos na liberación de Bratislava en abril de 1945. Este pasado 8 de maio Eslovaquia celebrou o 65 aniversario da derrota do fascismo, xa que foi nese día cando o goberno colaboracionista do Estado eslovaco, encabezado polo crego Jozef Tiso, firmou a capitulación. Neste Día oficial da loita contra o fascismo levouse a cabo a tradicional ofrenda floral para rendir homenaxe aos soldados que repousan en Slavín, uns homes que a poboación local segue vendo como liberadores, malia a historia posterior na que os liberadores se converteron en ocupantes. Por primeira vez, este ano, na cerimonia conmemorativa se presentaron varios clubes de historia militar da República Checa, Hungría e Eslovaquia que exhibiron numerosos equipos e protagonizaron reconstrucións dos combates. Á praza central SNP (Insurrección Nacional Eslovaca) incluso chegou un tanque que despois do acto conmemorativo acompaňou o desfile até a beira do Danubio.
O discurso memorialístico combínase hoxendía co mundo da Living History, do coleccionismo e as recreacións de afeccionados á Historia militar. Todo un Patrimonio emerxente.
Fotografía: tumba dun soldado soviético en Slavín.
No hay comentarios:
Publicar un comentario