4/5/10

Proxecto vital


Reproducimos a continuación un paragrafo aterrador firmado por todo un catedrático de Historia Antiga dunha Universidade española (Pereira Menaut, 2009: 21-2):

En distintas ocasións pedínlles aos meus alumnos a súa opinión sobre o descubrimento ou encontro con pequenos grupos humanos alleos totalmente á civilización, que, ás veces, ten lugar nas terras da Amazonia. Con toda frecuencia opinaban que ese encontro era unha desgraza para os indíxenas que, a partir dese momento, empezaban un camiño cara á súa propia destrución, que perdían aquela sorte de felicidade inxenua, que perdía a súa marabillosa vinculación coa natureza, da que formaban parte orgánica, case coma unha árbore ou un animal superior. Non importaba que a súa esperanza de vida fose duns trinta anos, que a mortalidade infantil fose moi elevada, que non coñecesen a escritura, que carecesen de calquera trazo de individualismo e de normas positivas, que non tivesen un proxecto como tal sociedade e, polo tanto, ningunha utopía, ningún concepto de progreso ou mellora das súas condicións de vida, ningunha consciencia de si mesmos. Era mellor para eles seguir así. Este cambio de mentalidade, entre nós, é de primeirísima magnitude, porque nos afasta das tradicións grecorromana e xudeu-cristiá, que conteñen sempre un proxecto de sociedade, xa sexa unha sociedade sen conflitos internos (Platón), unha civilización perfecta sen posible decadencia (Roma) ou a cristianización do mundo e o progreso material (occidente cristián), ou, aínda máis alá, a consecución dun mundo de igualdade sen explotadores nin explotados (Marx). En lugar de todo iso, vivir día a día sen máis inquietude que manterse en pé, algo máis próximo ao budismo.
Esta opinión de certos estudantes referíase, en realidade, á nosa propia sociedade. Son tantos os males que a nosa sociedade leva consigo que é preferible que o indíxena amazónico siga vivindo no máis absoluto primitivismo, nese pozo dende o que non pode ver, nin imaxinar, nin se asomar á Historia.


Primitivismo, progreso, civilización, proxecto vital, pobos sen Historia... Se se pensa dende estas coordenadas unha comunidade primitiva do presente, como se conceptualizará unha comunidade premoderna do pasado?

Cita: G. Pereira Menaut. 2009. O moderno debate sobre a romanización. En Dopico Caínzos, D.; Rodríguez Álvarez, P. e Villanueva Acuña, M. (eds.): Do Castro á Cidade. A romanización na Gallaecia e na Hispania indoeuropea. Actas do Curso de actualización sobre a romanización de Galiza (Lugo, 21 de xullo ao 23 de xullo de 2008): 15-29. Lugo: Deputación de Lugo.

Fotografía de Jack Stauder: rapazas e nenos majangir arredor dunha cabana durante unha xunta ritual de consumo colectivo de cervexa (1964-6).

1 comentario:

Andrés Martínez dijo...

Vaia susto, señor Ayán! Xa pensei que era o Pereira Menaut que me deu clase de Dereito. Poña o nome, home, ou imos pensar que toda esa familia -numerosa polo que sei, e vén de lonxe- é así! Do que vostede fala é Gerardo. O que me deu clase a min é Antonio-Carlos (http://es.wikipedia.org/wiki/Antonio-Carlos_Pereira_Menaut) e o que lle fixo o artigo en Wikipedia é un estómago agradecido, por non chamarlle outra cousa.
Vostede pode que sexa un mozo aínda, pero non sei que esperaba deste tipo de historiadores, que mamaron o da "unidade de destino en lo universal" e "por el imperio hacia Dios y viceversa". Teña en conta que a educación -a miña, e a da miña xeneración- é nacional-católica, con profundas bases no dereito imperial romano, que aínda rexe boa parte do noso dereito cotiá. Ou sexa, xa me entende.