Denuncia na Dirección Xeral de Patrimonio
Hoxe pola mañá depositamos no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia unha denuncia do impacto crítico provocado na área arqueolóxica de Neixón pola ampliación do CAB e unha solicitude de información sobre a legalidade deste proxecto. Simplemente estamos facendo o que calquer cidadán e arqueólogo cun mínimo de ética debería facer. Doutra volta, seguimos aplicando a política de transparencia que seguimos en Arqueoneixon, a diferenza de institucións públicas como o Concello de Boiro. Non agardamos moito da Administración, pero ningún arqueólogo no seu san xuízo da Dirección Xeral de Patrimonio autorizaría algo así. Non podemos dicir o mesmo da delegación da Consellería de Cultura en A Coruña, seica os autorizadores desta desfeita.
Aí vai o texto, prescindindo do xugoso aparato gráfico:
XURXO M. AYÁN VILA, con D.N.I 44087305-P, en calidade de cidadán, arqueólogo profesional e director responsable do proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón (2003-2008) diríxome a vostede para poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia a afección que está a sufrir a área arqueolóxica dos castros de Neixón por mor dunhas obras de ampliación do Centro Arqueolóxico de Barbanza (de agora en diante CAB) promovidas polo Excmo. Concello de Boiro. Estas obras deron comezo o 11 de febreiro de 2010 cunha subvención concedida polo Ministerio de Cultura de 86.840, 31 euros para implementar a primera fase da construción do novo edificio proxectado.O Excmo. Concello de Boiro recoñece que carece de financiación para continuar e finalizar unhas obras que custarán 1 millón de euros e que se xustifican, segundo a Corporación Municipal, cos seguintes razonamentos :
• A escasez de espazo dispoñible no edificio inaugurado en 2002.
• A instalación dunha área experimental na que se levarán a cabo obradoiros.
• A construcción dun auditorio e de máis salas expositivas.
• Dar cabida aos vestixios recuperados nos castros de Neixón.
• Diferenciar o Centro Arqueolóxico de Barbanza doutras instalacións semellantes ofrecendo un proxecto museolóxico senlleiro.
Esta xustificación carece de sentido se temos en conta o descenso de visitantes ao CAB que se nutre case todo o ano de visitas de escolares (Lomba 2005, Barbeito 2006), a infrautilización dun edificio perfectamente adaptado para a función para a que foi creado e a existenza en Boiro mesmo de auditorios que poden acoller a organización de Congresos. A nosa experiencia do campo de traballo de Neixón (2003-2008) serviu para amosar a capacidade do actual edificio para albergar seminarios, obradoiros, traballo de gabinete e demais actividades cun nutrido número de persoas (Lomba 2005; Ayán et al. 2007; Ayán 2008). Doutra volta, grande parte da superficie do edificio está infrautilizada, como é o caso do almacén, o laboratorio, unha biblioteca á que non vai ninguén e unha sala multiusos que abonda para albergar unha exposición permanente da colección visitable.
Aparte do carácter innecesario desta ampliación, as obras conlevan a destrucción do campo no que se celebra a Romaría de Neixón dende 1978, o evento cultural máis importante que se leva a cabo por iniciativa da comunidade local (Ayán e Arizaga 2005; González e Ayán 2007) e que forma parte consustancial do Patrimonio inmaterial e intanxible que é a Punta de Neixón.
Este gravísimo feito revirte a Arqueoloxía social que se levaba facendo nese espazo dende 2003 (Ayán et al. 2007; 2008) e a implicación da comunidade local no proxecto de potenciación patrimonial dos castros de Neixón (Ayán 2005, 2008). Doutra volta, exemplifica a ruptura coa política de xestión precedente que sempre defendeu o desenvolvemento de sondaxes e escavacións arqueolóxicas de carácter científico. Entre 2003 e 2008 escavouse a man cun rexistro detallado o recheo de senllos foxos do Castro Grande (Ayán 2005; 2008); o mesmo aconteceu en 2009 no parapeto N do mesmo xacemento. Meses despois destrúese sen rexistro de ningún tipo un tramo enteiro dun foxo, como veremos agora.
A este respecto, o feito máis grave, por ser irreversible, é que estas obras, actualmente paralizadas, supuxeron o emprego de maquinaria pesada e a escavación con medios mecánicos dun solar dentro do perímetro de proteción da área arqueolóxica de Neixón mentres se está desenvolvendo o proceso de declaración como Ben de Interese Cultural da Punta de Neixón.
Neste senso, DENUNCIO o impacto crítico sufrido nesta área coa destrución completa dun amplo tramo de foxo que non foi documentado durante o control e seguimento de obras (se o houber). Os perfís estratigráficos E e W do rectángulo escavado non deixan lugar á dúbida, así como os materiais arqueolóxicos asociados que se corresponden con depósitos de recheo desa estrutura que cinguía orixinalmente polo N a área arqueolóxica dos Castros de Neixón.
A este respecto, SOLICITO información á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de Galicia sobre este proxecto de ampliación do CAB, concretándose as miñas dúbidas nos seguintes puntos:
1. Existencia ou non de autorización da DXPC para levar a cabo estas obras.
2. Existencia ou non dun proxecto arqueolóxico de avaliación e seguimento destas obras a realizar dentro da área de protección dos castros de Neixón.
3. Responsable arqueolóxico do control e seguimento da obra.
4. Comunicación ou non á DXPC deste impacto crítico, existencia dun informe puntual ou valorativo e proposta de medidas correctoras. O 31 de marzo podíanse ver tres gabias valorativas realizadas con medios mecánicos, recén tapadas, na contorna E das obras até o límite co mar. Non sabemos se se corresponden cun plan de medidas correctoras autorizado pola DXPC ou se é unha iniciativa ilegal adoptada polo arqueólogo do CAB Víctor Barbeito Pose.
A destrución total dunha estrutura arqueolóxica dentro dunha área de protección dun futuro BIC, así como a imposibilidade real dunha restitución dos restos son feitos gravísimos dos que debe ter constancia a DXPC para, dacordo coa Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, adoptar medidas legais contra o propietario dos terreos e promotore da obra que non é outro que o Excmo. Concello de Boiro.
Agardando que atenda a miña solicitude, queda seu:
Xurxo M. Ayán Vila
En Santiago de Compostela, a 6 de abril de 2010
Referencias bibliográficas
Ayán Vila, X. M. 2005. Os Castros de Neixón (Boiro, A Coruña): a recuperación dende a Arqueoloxía dun espazo social e patrimonial. Serie Keltia 30. Noia: Edición Toxosoutos. 371 páginas.
Ayán Vila, X. M. (coord.). 2007. De Sancti Vicentii de Sispalona a San Vicenzo de Cespón. Cadernos Culturais de Boiro, 9. Santiago: Garabal.
Ayán Vila, X. M. (coord.). 2008. Os Castros de Neixón (Boiro, A Coruña), II: de espazo natural a paisaxe cultural. Serie Keltia, 40. Noia: Toxosoutos.
Ayán Vila, X. M. 2008. O proxecto arqueolóxico de Os Castros de Neixón (Boiro, A Coruña): o campo de traballo como ferramenta para a posta en valor do patrimonio. En A Cultura castrexa: Accións e estratexias para o seu aproveitamento socio-cultural (Actas do Seminario Final Castrenor, Mondariz-Balneario, 22 e 23 de xuño de 2006): 95-105. Santiago: Xunta de Galicia.
Ayán Vila, X. M., González Pérez, L., Arizaga Castro, Á. e Bóveda López, M. M. 2007. O campo de traballo dos Castros de Neixón (Boiro, A Coruña): balance e análise crítica dun proxecto de xestión integral do Patrimonio (2003-2006). En IV Congreso Internacional sobre Musealización de xacementos arqueolóxicos: 261-8. Santiago: Xunta de Galicia.
Ayán Vila, X. M. e Arizaga Castro, Á. 2005. Os Castros de Neixón como espazo simbólico na paisaxe rural tradicional (notas etnográficas e reflexións sociais). En Ayán Vila, X. M. 2005. Os Castros de Neixón (Boiro, A Coruña): 291-327. Serie Keltia 30. Noia: Edición Toxosoutos.
Barbeito Pose, V. 2006. Nuevo Proyecto de Musealización: Centro Arqueológico del Barbanza. Revista de Arqueología, 302: 56-63.
González Pérez, L. y Ayán Vila, X. M. 2007. Estudo antropolóxico da relixiosidade popular na parroquia de San Vicenzo de Cespón. En Sancti Vicentii de Sispalona a San Vicenzo de Cespón. Cadernos Culturais de Boiro, 9: 85-128. Santiago: Garabal.
Lomba Fernández, P. 2005. Arqueoloxía e Sociedade. A experiencia do Centro Arqueolóxico de Barbanza. En Ayán Vila, X. M. (coord.): 353-67.
4 comentarios:
Sería triste, muy triste, si la liebre no se levantase de verdad.
Ánimo, adiante, noraboa e grazas, Xurxo. Os que levamos a Galiza no corazón desexámosche éxito na túa valedura e felicitámoste pola grande sensibilidade, forza e amor que amosas no coidado do que pertence a todos os galegos. Xurxo forever! United Neixóns!
Desde afuera o hay quién comprenda tamaño despropósito... ¿tan complicado era ampliar hacia el otro lado, más allá del centro?
Ánimo y suerte.
Como moitas das cousas que ocorren no noso pais co noso Patrimonio esto supera con creces ao "teatro do absurdo", coñezo tristemente exemplos similares do que os politicos e resto de "mentes pensantes" (pensar, pensaran o problema e no que ?) similares fan cando se lles mete no medio e medio da sinapse cerebral palabras como "Posta en valor", "Patrimonializar"... todo a miña solidaridade, e esperemos que ao menos por unha vez os funcionarios de Patrimonio se gañen realmente o soldo que todos lles pagamos, e que outros "pagen" por unha vez co que estipula a lei para eles.
Animo e sorte
Publicar un comentario