17/2/10

Consecuencias




1. A día de hoxe a información arqueolóxica pode estar dispoñible en tempo real en diferentes formatos. En Arqueoneixon rachamos con ese delictivo comportamento dos especialistas que secuestran materiais e saberes até cando consideren convinte, agardando a publicar en revistas científicas tipo A os seus traballos, cun sempiterno medo a que lles pisen o material inédito. Esta é a liña do noso blog, que fuxe de falsos academicismos e dubidosos intereses corporativistas.
2. O Castro Pequeno de Neixón é un xacemento clave para comprendermos a emerxencia da paisaxe fortificada no NW. O proxecto en curso permitirá ampliar o noso coñecemento e actualizar un discurso anquilosado como se pode comprobar na sinaléctica da área arqueolóxica de Neixón, segundo a cal o Castro Grande segue a ser un sitio romano. Por non falar do que se conta ao visitante no CAB.
3. A finais de 2010 o traballo do amplo grupo de investigadores e investigadoras que estamos a traballar co rexistro arqueolóxico exhumado en 2008 verá a luz nunha serie de monografías e publicacións de carácter científico e divulgativo, cubrindo así un baldeiro notable para comprender o paso de Neixón de espazo natural a paisaxe cultural na primeira metade do primeiro milenio a.n.e.
Como dixemos, estas breves notas son un pequeno avance de todo este traballo. E agora xa podedes ir tranquilos aos IV Encontros Arqueolóxicos de Barbanza e, incluso, explicarlle ao suposto técnico do CAB que é o Castro Pequeno de Neixón, aínda que só se preocupe de que vos apuntedes no libro de visitas.

Fotografías: a Arqueoloxía é unha porta aberta ao pasado, que nos fornece por veces unha imaxe difuminada do que foi un castro, mentres outras veces acada que case apalpemos esa realidade perdida, como se os castrexos do Castro Pequeno nos saudasen alá ao lonxe. Hai alguén aí?

1 comentario:

lorcho dijo...

¡¡¡El libro de visitas!! ¡¡FIRMA EN EL LIBRO DE VISITAS!!!!
En serio, amigo ya te lo dije ayer, pero esta es una gran serie, con el término medio justo de cientificismo y divulgación. Bueno, en nuestra línea.