11/1/10

Turismo arqueolóxico no Barbanza


Segundo una noticia de La Voz de Galicia (edición Barbanza)
http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2010/01/06/0003_8209233.htm no ano 2009 descendeu o número de visitas ao Centro Arqueolóxico de Barbanza dacordo co rexistro levado a cabo polo persoal desa entidade. Á marxe do que poidan argumentar os responsables (políticos e técnicos) do CAB, este dato explícase mellor na longa duración. Sen dúbida, a desaparición do campo de traballo internacional e dun programa de escavacións cunha duración de dous meses no verán (2003-2008) ten moito que ver, como así o amosaremos nun capítulo da terceira monografía sobre os Castros de Neixón, en preparación. Así e todo, non imos tratar aquí este tema; deixemos que a propaganda faga o seu traballo nos próximos meses. Preferimos agora utilizar este dato como excusa para reflexionar brevemente sobre unha realidade doadamente cosntatable: a ausencia dunha oferta arqueolóxica ordeada, real e integrada a escala comarcal do Barbanza. Esta eiva, ao noso modo de ver, explícase, en parte, polas seguintes causas:
1. O localismo concellil que compite cos veciños no tocante a infraestructuras culturais. Se a Xunta potencia o CAB en Boiro, van os de Ribeira e crean o Arqueódromo de San Roque e un peculiar centro de interpretación; entrementres os de Porto do Son fan a guerra pola súa conta co Centro de Interpretación do castro de Baroña, que nin está na contorna do xacemento; os de Lousame reivindican a Arqueoloxía industrial polo aquel das minas de Sanfins... e así sucesivamente.
2. O lamentable panorama político deste país explica a ausencia dunha perspectiva integradora comarcal. Os do PP por unha banda, os bipartitos ou tripartitos, por outro.
3. Esta competencia desleal explicítase incluso publicamente, cando os concelleiros de turno revindican para si o papel de referente da oferta arqueolóxica do Barbanza.
4. Para empeorar a situación, a nivel turístico sotérranse cartos públicos en promocións surrealistas, con investimentos incribles en sinalécticas-trampa enganaturistas (Manuel Gago dixit), con persoal contratado sen unha formación mínima, e con ocorrencias de película de Berlanga dos políticos locais (rutas vikingas con castros de por medio, festivais new age célticoespialidosos...).
5. Lonxe de constatar esta realidade, as inercias continúan, botando a andar iniciativas sen sentido como facer un pequeno auditorio na suposta ampliación do CAB, ou plantexar un novo centro en Baroña sen ter en conta as necesidades e demandas reais a escala comarcal.
Mentres esta situación persiste, o Patrimonio arqueolóxico de Barbanza segue sofrendo afeccións e continúa a ser utilizado como ferramenta política. Como exemplo soberbio vexan a visión oficial do Concello de Boiro sobre os problemas tidos até o momento para a innecesaria ampliación do CAB (en www.centroarqueoloxicodobarbanza.org/es/noticias.asp). Diminúen os visitantes pero queren ampliar o centro...

1 comentario:

lorcho dijo...

Algún día haberá que botar unha ollada ás contas...