14/12/09

Os arqueólogos portugueses


A igrexa do Carmo remanece coma un recordo do terremoto de Lisboa, como símbolo da cidade que foi e renaceu das súas cinzas como o gato Félix que dicía un egrexio compostelán. O edificio serviu dun recurso máis para o nacionalismo portugués romántico decimonónico, artífice de iniciativas como a creación da Asociación de Arqueólogos Portugueses. Figuras como Possidónio da Silva ou Leite de Vasconcellos tiveron bastante que ver na recreación do pasado pre e protohistórico do país nesa época. A visita ao Museo Arqueolóxico do Carmo é todo un paseo historiográfico por esa Arqueoloxía do Estado-Nación. Acumulación de monumentos epigráficos e sartegos, unha sala que amosa un coctail diacrónico de pezas senlleiras de xacementos sobranceiros e períodos de esplendor, unha biblioteca cos vetustos exemplares das revistas eruditas portuguesas, o busto de El-Rei e dúas momias peruanas crean unha atmosfera que nos traslada a unha etapa interesante da Arqueoloxía europea.

Fotografía: vitrina con materiais da Idade do Bronce e da Idade do Ferro no Museo Arqueolóxico do Carmo.

No hay comentarios: