21/7/09

Arqueoloxía do absurdo


Manuel Gago xa se ten ocupado destes sinais no seu blog capítulo 0, nunha entrada antolóxica titulada Sofisticada trampa atrapaturistas. Xa vedes que os despropósitos non só inzan os Castros de Neixón senón tamén os arredores. Un colega meu fala da Arqueoloxía do absurdo: como o absurdo é rendible e xenera toda unha economía (200.000 euros costou todo este programa de sinalización por Arousa Norte). Para min, a realidade que reflicte esta fotografía é a mellor mostra de como se está a xestionar o Patrimonio. Ao carón dun contedor de lixo, superpóñense, coma nunha matrix Harris, sucesivas cartelerías, agochando unhas ás outras, indicando o camiño cara a ese non lugar que é o Centro Arqueolóxico de Barbanza. As administracións invisten cartos en sinais redundantes e non se fixan no cruceiro cercenado e marxinado ao pé. Un cruceiro que forma parte dun histórico Via Crucis que levan anos tentando recuperar os veciños de Cespón. O verdadeiro Patrimonio sustituído pola propaganda atrapaturistas. E mentres tanto, os políticos facendo turismo (cultural, iso si) por Altamira, procurando modelos de xestión aplicables aos castros de Neixón. Antolóxica esta nova mostra do teatro do absurdo.

No hay comentarios: