5/9/07

Descoberta


QUEN fechou esta noite
a fenestra azul do Mar?
Este Mar fuxitivo
de tódalas ribeiras
Náufrago do neboeiro
que desviou o rumbo
dos puntos cardinaes

Ficaron as gavotas
tres singladuras a sotavento
Desourentáronse os arroaces
intrusos e impunes

Hoxe ninguén dá ca relinga
pra aferrar panos do horizonte
E este serán tampouco
engaiolarémo-lo Sol

O Sol era un paxaro triste
que se pousaba no penol.


(Manoel Antonio, De catro a catro)