13/1/11

Novo despropósito




O Concello de Boiro segue tendo a monte os castros de Neixón pero cambiaron a cartelería. Como estamos en crise, no interior do Castro Pequeno puxeron o mesmo cartel de 2001. Isto chámase actualizar os contidos despois de case unha década de avance no coñecemento deste sitio. Diante do foxo do mesmo Cstro Pequeno vemos un cartel demencial no que se fala de Saefes e Oemstrimnios (como se estiveramos en 1925) e se recolle unha pésima e desproporcionada recreación na que se afirma sen tapuxos que o Castro Pequeno de Neixón estaba ocupado no século III a. C. Recordamos que os restos máis recentes son do século V a. C. Unha vez máis o suposto técnico do CAB mentindo á xente porque non le, non quere ler ou non sabe ler.
Pero a cousa segue. O cartel que estaba perto da entrada do Castro Grande non se repuxo (que casualidade) pero si se puxo un novo na área recreativa. Neste cartel afírmase que o Castro Grande era unha aldea fortificada e que a súa xente pescaba, cazaba, recolectaba, prantaba cereais, mariscaba... Impresionante.

Protestas



Xúrovos que non fomos nós quen escribimos estas denuncias en Neixón. Será cousa dos bos salvaxes habitantes da contorna que non saben o que é bo para eles. Iso xa llo din os técnicos e os políticos. Estes demócratas que se apresten a borrar estas denuncias antes de que cheguen os ianquies, que dá moi mala imaxe.

NON MÁIS EDIFICACIÓNS NO MONTE!! XA CHEGA COA QUE HAI

UN MUSEO? NON LLES CHEGA CO QUE XA ESTÁ FEITO E INFRAUTILIZADO.

Desfase




Aquí vedes Neixón na súa segunda fase. Máis ca segunda fase eu lle chamaría desfase. Este burato seguirá aí per saecula saeculorum, destruíndo o espazo simbólico da Romaría de Neixón e a propia área arqueolóxica. Unha vez máis o Concello de Boiro minte. Non recordades cando dicían aquilo de que o foxo destruído ía integrarse no edificio do futuro Museo? Esta integración consistiu en emparedar os perfís do foxo tras unha plancha de cemento. Marabilloso.

O disco da risa




Nos anos 60 a xente adoitaba adicar pola radio o disco da risa, no cal se escoitaba durante minutos a unha recua de xente rindo a gargalladas. Paseniñamente, os ouvintes comezaban a rir, como se dunha terapia se tratase. En Neixón estamos abonados ao disco da risa. A última nova é de esmendrellarse. Grazas ao Xornal Certo sabemos que o alcalde de Boiro recollerá en Madrid un premio en representación das poboacións con menos de 20.000 habitantes. Sabedes cal é a institución que lle dá o premio? Pois nin máis nin menos que o CSIC, entidade científica que executou o proxecto arqueolóxico de Neixón entre 2003 e 2008. A mesma entidade que os adláteres de Deira se empeñaron en botar de Neixón, a mesma entidade á que se lle deben cartos e unhas cantas desculpas públicas. Pero iso non é todo. O suposto técnico do CAB vén de camuflar o cartel posto en 2003 polo CSIC na súa peculiar estratexia ridícula de damnatio memoriae. O CSIC erradicado de Neixón por Deira e Deira recibindo premios do CSIC. Unha grande comedia. Pero aínda hai máis. O señor Barbeito cobre o antigo cartel cunha recreación do Castro Grande de Neixón no século III a. C. inzado de casas como se fose iso Santa Trega. Cientificamente isto é mentira, non é certo; é un engano ao cidadán interesado no seu Patrimonio. Unha vez máis, facendo o ridículo.

http://xornalcerto.blogspot.com/2011/01/boiro-o-alcalde-xose-deira-falara-en.html

7/1/11

Actuacións arqueolóxicas


Seguindo coa publicación en liña dos resultados do noso proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón incluímos no apartado de produción científica os resumos das campañas 2006, 2007 e 2008 dentro da serie Actuacións arqueolóxicas da Xunta de Galicia.

Ayán Vila, X. M. e González Pérez, L. 2008. Escavación arqueolóxica no Castro Grande de Neixón (Boiro, A Coruña). Actuacións arqueolóxicas 2006: 35-6. Santiago: Xunta de Galicia.

González Pérez, L. e Ayán Vila, X. M. 2009. Escavación arqueolóxica no Castro Grande de Neixón (Boiro, A Coruña). Actuacións arqueolóxicas 2007: 44-5. Santiago: Xunta de Galicia.

Ayán Vila, X. M. e Franco Fernández, M. A. 2010. Escavación do Castro Pequeno de Neixón (Boiro, A Coruña). Actuacións arqueolóxicas 2008: 46-8. Santiago: Xunta de Galicia.

Figura: depósito ritual da 1ª Idade do Ferro no Castro Pequeno de Neixón. Campaña de 2008.

6/1/11

Tincho



Juan Martín Dabezies, arqueólogo uruguaio compañeiro do Instituto de Ciencias dos Patrimonio (CSIC) volta á súa terra como docente e investigador tras gañar unha praza na Universidade de allá. Tincho redimensionou o noso proxecto arqueolóxico dos castros de Neixón abrindo novas liñas de traballo no eido da investigación audiovisual aplicada ao Patrimonio. O seu traballo de campo na campaña de 2008 forneceu horas de gravación que son un auténtico tesouro dese Patrimonio inmaterial que son os castros de Neixón. Pola súa vez serviu de rexistro empírico para a súa tese de mestrado que podedes descargarvos en http://www.eumed.net/libros/2009c/590/DIMENSION%20INMATERIAL%20DEL%20PAISAJE%20EN%20NEIXON%20GALICIA.htm
Recentemente vén de publicar "La fotografía como fuente de investigación histórico-antropológica. El caso del proyecto “Campo de traballo arqueolóxico no Castro Grande do Neixón” (Boiro, A Coruña)". Cuadernos de Estudios Gallegos, 123: 9-23.
En breve teredes unha versión en PDF deste artigo no apartado de produción científica.
Gracias Tincho polo teu traballo e a túa forma de estar no mundo.

1/1/11

Bienvenido Mr Marshall


O mestre Berlanga faleceu pero a súa obra segue de rabiosa actualidade. O (cada vez máis) excelentísimo concello de Boiro vén de facerlle unha homenaxe nestes días de Nadal presentando un acordo de colaboración coa Universidade de Arizona para radiografiar Neixón o verán que vén.
A noticia de El Correo Gallego é antolóxica e define perfectamente a deriva surrealista e cómica dunha corporación municipal sabiamente asesorada por arqueólogos sen ningún ánimo de lucro. A noticia recolle unha fotografía dos mariachis gobernadores de Boiro e achegados, enchidos, repoludos e orgullosos, anunciando a chegada do tío Sam dende o far west. O alcalde non se corta e fai fincapé na idea de que os ianquis son unha bicoca, que veñen de matute, que non lles van custar un só euro ao Concello de Boiro. Honestidade brutal. Isto é o que lle interesa ao filósofo Deira, quen remarca que de non ser así cada técnico lle custaría 4000 euros. Home claro, se os traes dos EE.UU. claro que che costa iso, e máis. O filósofo racionalista reconvertido en cínico. No fondo vemos aquí reproducida a clásica actitude galaica xacobea de imos aproveitarnos dos que veñen de fóra. Uns arqueólogos anglosaxóns que nos van ensinar como escavar nun castro galego e por riba coas últimas tecnoloxías, como se a NASA decidise facer un obervatorio neste recanto da ría de Arousa.

Coma sempre, a mentira reaparece como ferramenta propagandística do Concello de Boiro. Na noticia afírmase que os ianquis van traer tecnoloxía de prospección magnética nunca empregada en Galicia antes. Unha mentira coma unha catedral. No caso do noso laboratorio (pero hai máis) levamos aplicando nos últimos anos esas tecnoloxías dende hai anos en sitios como Castrolandín, A Lanzada e o mesmo Neixón, pero claro o Concello de Boiro aínda non se enterou, padecendo esa extrana demencia senil que lle leva a esquencer pagar campañas de escavación e cousas así. Outro dato da noticia apunta a que os trebellos supersónicos axudarán a coñecer os procesos de sedimentación e os cambios climáticos, tema este moi querido polo arqueólogo do CAB e achegados, por ese Víctor Barbeito que lle explica aos visitantes que a xente marchou do Castro Pequeno ao Castro Grande por un cambio climático, o mesmo que enche o Castro Grande de casas no século III a. C., o mesmo que plaxia toda unha guía arqueolóxica dos castros de Neixón a partir dos nosos estudos que semella descoñecer pero que reproduce sen problema algún. Debería saber este fulano que o plaxio está moi mal visto nas universidades norteamericanas, aínda que sexa a de Arizona, que acolle a un bolseiro de Caixa Galicia, nada máis e nada menos, que como profesor adxunto. Manda truco. Moito cambiou o sistema académico ianqui ou aquí alguén están mentindo, novamente.

A min todo isto dos americanos que van traer máquinas descoñecidas me recorda aquel enfrentamento de pijos e heavys que tan ben relataban os Gigatron; ao final gañaban os pijos porque tiñan a radiofórmula e o sistema. Pois isto é o mesmo; os arqueólogos de Arizona teñen a radiofórmula e o sistema. Unha curiosa forma de facer país, si señor. O triste desta parafernalia casposa é a patética realidade que agocha: unha área arqueolóxica abandonada e parcialmente destruída, unha deixadez sen precedentes, unha xente que se empeña en facer a Arqueoloxía que se facía hai 25 anos, uns políticos sen dignidade que fan un ridículo espantoso apelando ao cartos e ás máquinas ianquis como se estiveramos na postguerra... O bo deste suposto acordo é que os norteamericanos, de vir, verán cos seus propios ollos o tremendo despropósito artellado por Víctor Barbeito (arqueólogo internacional onde os haxa) e os seus amigos que chupan do chiringuito. Como esta xente en dous anos e medio non publicou, nin divulgou unha soa liña do que fixeron nos castros de Neixón, os cowboys de Arizona, alomenos, atoparán bibliografía en inglés no blog arqueoneixon e algo saberán do devalar histórico de Neixón, malia os intentos demenciais e patéticos de Barbeito. Porque non sei se o saben pero este señor lle di aos rapaces do falso campo de traballo que o equipo do CSIC non entregou un só informe, unha soa memoria, que non publicamos unha soa páxina dende 2003. Como volo conto. Con nomes e apelidos, cinco aprendices de arqueólogos que pasaron por Neixón en 2009 e 2010 estaban convencidos de que non había nada publicado sobre Neixón, até que os seus familiares lles pasaron os libros, o documental e a referencia do blog que leva funcionado dende 2007, posibilitando a descarga en PDF de toda a produción científica do noso proxecto. Esta é a triste realidade. Un suposto técnico arqueólogo que perdeu calquer fío de conexión, por feble que sexa, coa realidade, enganando ao público e á sociedade. Como os responsables do hotel rural Neixón aberto este verán que adoptaron motivos decorativos procedentes do castro do Achadizo en Cabo de Cruz, que fornecen aos clientes publicacións sobre ese xacemento do noso amigo Tito Concheiro, pero que, grazas novamente a Barbeito, non sabían que houbese libros publicados sobre os castros que lle dan nome ao negocio. Este é o mundo miserable que se van atopar os norteamericanos cando desembarquen en Cespón. Esta é a realidade desta Arqueoloxía tan científica e profesional, de máquinas, paleoclimas e escolas de formación, desta Arqueoloxía que volta ao funcionalismo máis rancio, pasando amplamente da comunidade local e da sociedade.

Voltando á noticia de prensa, vemos que o acto de presentación remata coa clásica exhortación esmoleira do tunante-alcalde Ares para pedir cartos ás administracións e a quen sexa para rematar a monstruosa ampliación do CAB, causante da destrución de parte do xacemento e do campo da festa da Romaría de Neixón. Eu de ser Ares solicitaba axuda ao Congreso norteamericano ou ao mesmo Obama, que igual que indulta un pavo por Nadal tamén terá uns cartiños soltos para rematar esa escenografia neixonense, ese circo no cal o técnico do CAB podería disfrazarse de astronauta e clavar no centro do Castro Grande a bandeira dos USA. Incluso podería gravar un remake da película “Un yanqui en la corte del rey de Boiro”. Tamén poderían botar man dos habitantes de Cespón como figurantes con bandeirolas de barras e estrelas: Americanos, os saludamos con alegría! Quen o diría. Todo un símbolo da arqueoloxía galega dende 1925 pasa a ser un exemplo de falla de dignidade e un campo de experimentación dunha Arqueoloxía colonial en pleno século XXI. Pero dá igual, para os politicastros e adláteres de Boiro o que conta é o vil metal do plan Marshall. Esquencen a máxima do contrabando do tabaco e do narcotráfico de Arousa, moi propia da Arizona do século XIX: quen paga, manda. Xa maxino ao trío traxicómico Deira-Ares-Piñeiro nas vindeiras eleccións municipais, cos seus retratos pendurados das farolas, baixo o lema: YES, WE CAN.

http://certo.es/index.php?page=neixon_a_nosa_torre_v

http://www.elcorreogallego.es/comarcas/ecg/neixon-sera-radiografiado-expertos-arizona/idEdicion-2010-12-24/idNoticia-623833/