14/6/12

That belongs in a Museum!




Por se fose pouco, a segunda parte foi doutra volta espectacular. O encargado do Filmmuseum de Frankfurt botou o chapeu á cabeza e deu unha maxistral charla sobre o ciclo de pelis de Indiana Jones empregando o sombreiro como fío argumental. Eramos máis de cen persoas que estabamos como na casa, con cadansúa copa de viño ou cadansúa cervexa, a unha hora intempestiva. A exposición arqueolóxica conectaba coa precedente, centrada na figura de Chaplin. Espectacular.
Loxicamente non estamos aquí para dar leccións de Museística a ninguén, pero está claro que os museos xermanos xogan noutra liga. Onte, a responsable do Neanderthal Museum, Freya Köhler, especialista en comunicación da Ciencia, contábamos que este museo é o máis visitado de Alemaña, con 160.000 visitantes cada ano, dos cales máis de 60.000 son familias. Ademais do tirón mediático neanderthal, un entende estas cifras cando vei o programa educativo, que contempla até a celebración de cumpreanos infantís camuflados de workshop as fins de semana. Pola súa vez, Ulrike Radke, do Badisches Landesmuseum Karlsruhe, deunos unha lección sobre divulgación e formación, actividade que segue alicerzada nesta secuencia moitas veces esquencida: discutir-experimentar-desenvolver ideas propias e espírito crítico-comprender e relacionar co presente. Se a xente non entra no Museo, por moito que este abra as súas portas, o Museo debe saír fóra. E nestoutro museo alemán a oferta está adicada tanto aos visitantes como aos que quedan fóra, como nos enterros e cabodanos galegos.

En Galicia, o museo arqueolóxico (aula didáctica ou centro de interpretación) ou está pechado ou bota para atrás. Por mor dun falso cientificismo, da defensa a ultranza do rigor e o método, contamos con discursos baleiros con maniquíes sen faciana e discursos aburridos sobre obxectos secuestrados en vitrinas. O único que vale é contabilizar as visitas de escolares para garantir a vindeira subvención.