31/12/10

Novos folgos





Estes días estamos argallando novas falcatruadas arqueolóxicas para o 2011, descansando por terras lemavas,entre a matanza do marrao e a poda na Ribeira d'O Eivedo, sobre o Sil. Tarefas étnicas que recordan o carácter cíclico da vida, a remanencia dun mundo que se resiste a desaparecer.

Feliz Ano


Amigos e amigas de arqueoneixon, desexámosvos un feliz aninovo, un 2011 que, de seguro, vai ser un ano de proxectos ilusionantes, xa veredes.

28/12/10

Saudades de Madeira







Bo e aconsellable sitio Madeira. Aínda que hoxe é o día dos Santos Inocentes, se vos fixades na fotografía do camposanto, ao carón da tumba, si, hai unha peluca.

Arqueoloxía do colonialismo



Unha ollada etnoarqueolóxica da illa de Madeira dá para moito, detrás da faciana turística e cristianoronaldesca. Aínda se conservan paisaxes fosilizadas, como as antigas divisións entre as parroquias establecidas polos colonizadores, aldeas abandonadas, terrazas arqueolóxicas a mercede do vento, do salitre e da especulación urbanística. O noso paso por Madeira vennos moi ben para encetar a noso vindiero proxecto en Guinea Ecuatorial que dará inicio o 15 de xaneiro. Os portugueses achegáronse ao Golfo de Guinea tentando seguir o modelo de explotación e implantación no territorio levado a cabo na illa de Madeira. O problema é que nesas terras africanas contaron con máis competencia.

Aristocracia







Como eido de estudo da Historia contemporánea tampouco está mal a illa de Madeira. Lugar de exilio e vacacións da plutocracia e as monarquías europeas, viviu dúas guerras mundiais na lonxanía. Na primeira sufriu un bombardeo do porto por parte dos alemáns e na segunda guerra mundial foi protexida por baterías antiaéreas. Aquí viñan parar exilados e activistas políticos, até o punto que foi a única zona de Portugal que rexistrou un levantamento progresista antisalazarista nos anos 30. Os hoteis de luxo viviron sempre desta aureola aristocrática e mesmo hai algún que sitúa no seu listado de visitantes ilustres a Carmen Polo e José María Aznar, cando este nin era presidente do Goberno español. Carlos de Habsburgo aquí morreu en 1922, catro anos despois da defunción do seu Imperio austrohúngaro. Segue sendo venerado coma un santo. Portugal entende moito de monarcas expulsados que vivirin unha vida de luzo grazas á riqueza roubada aos seus súbditos. Pero claro, aquí os malos son os comunistas.

Nacionalcatolicismo






Os colonos portugueses apropiáronse simbolicamente do espazo dende o século XV sacralizando a selva de Madeira. Cada fundación de núcleo de poboación levou parella a proteción dunha advocación determinada que moito tiña que ver coa orixe dos colonos. Petos de ánimas, lavadoiros-templo, cruceiros e capelas espállanse por todo o territorio. Aa xente da costa optou por devocións mareiras, como en Galicia, mentres os da serra turraron por santos como Santo António. O nacionalcatolicismo, como en Eslovaquia, Polonia ou Irlanda goza de moi boa saúde. Tivemos ocasión de estar nas festas do Senhor dos Milagres en Machico o 9 de outubro, unha procesión nouturna con fachos en medio dun silenzo místico e unha devoción popular espectacular. Con todo, algún había que ademais dos cirios levaba os cascos postos para escoitar como ía o Portugal-Dinamarca, partido clasificatorio para a Eurocopa.

Palheiros





Un bo exemplo dos trocos que están acontecendo é o da arquitectura tradicional dos palheiros e cabanotes de Madeira, que sempre aparecían nas estampas turísticas británicas do século XIX, como marchamo tropical e exótico da illa. Na zona N aínda se conservan en uso algunhas casas, pero a meirande parte delas xa están esborralladas ou renovadas con chapa metálica e cemento. Como no caso das pallozas no NW hispánico, o seu abandono vai parello da súa reconversión en recurso icónico-visual e identitario, en obxecto turístico que comparte espazo coas figuras do inefable Cristiano Ronaldo.

A Madeira irredenta




A paisaxe de Madeira amosa os ciclos do capitalismo mundial de época moderna, pero tamén é o relicto material da sociedade escravista e o canto do cisne dunhas comunidades labregas e mariñeiras en vías de extinción. Aínda se pode apalpar, enxergar, axexar, endilgar algo do que foron as clases subalternas, os colonos colonizados da illa, sometidos a un proceso de folklorización. Igual ca en Galicia, en Portugal as aldeas baleeiras reconvertíronse ao turismo dende os anos 80 recibindo fondos de cohesión. No interior, as cooperativas vinícolas aínda serven para manter costumes e inercias de antigo.

Engenhos



O sistema escravista sostivo a produción de algodón e de cana de azucre no sur do EEUU, no Caribe, en Brasil e no golfo de Guinea. Familias británicas, holandesas e portuguesas fixeron auténticas fortunas no ciclo do azucre. En Madeira comezou un cambio de ciclo no século XVIII coa reconversión de amplas zonas agrarias ao cultivo do viño. É agora cando o afamado vinho de Madeira comeza a destacar até o punto que os próceres da independencia estadounidense brindaron no día da Independencia con viño de Madeira. Como no caso do Jerez e do Porto, a influencia británica foi notable, até o punto que durante a invasión napoleónica a illa foi declarada protectorado da Súa Maxestade. O fracaso da implantación a gran escala da batata en 1846, unha serie de enchentes e unha grande plaga de mildeu produciron un colapso no sistema que levou á emigración americana a grande parte da poboación madeirense. Aaquí comezan os vencellos da illa co Caribe e, sobre todo con Venezuela. Pola rúa moita xente cambia automaticamente do portugués ao castelán venezolano, moitas familias se atopan entre os dous mundos. A emigración a mediados do século XIX tivo lugar ao mesmo tempo que familias británicas investían nos antios engenhos, introducindo maquinaria de vapor. Pero xa era un pouco tarde. Aa apertura da canle de Suez en 1869 cambiou totalmente o posicionamento xeoestratéxico de Madeira na exportación e navegación mundial que mantivera dende o século XV.

Escravitude



Referímonos aos escravos, homes, mulleres e nenos africanos que foron os que morreron erguendo toda esta arquitectura no ciclo do azucre. En 1425 Madeira pasa a ser provincia portuguesa e comeza a entrar a man de obra de escrava. En 1452 érguese o primeiro muíño de auga. En 1493 os enxeños de azucre producían xa 800.000 arrobas de azucre por ano. En 1552 había xa 3000 escravos na illa. Moitos morrían esfragados polos barrancos na construción do sistema de levadas (actualmente rotas de sendeirismo). Os malos tratos e as enfermidades remataban con eles. Arquitectura hidráulica ao servizo da explotación social e da exportación mundial. As crónicas do famoso ataque pirata francés de 1566 falan das animaladas feitas polos corsarios que aparte de liquidar negros non respectaban vellos, mulleres nin nenos, para eles todos eran iguais. Iso foi o que lle chamou a atención ao cronista luso de turno. Estes escravos desapareceron da historia madeirense, mesmo apenas hai poboación de cor na illa. É interesante ver como a evolución do capitalismo global afectou a este pequeno illote ubicado no epicentro do diñeiro mundial. A abolición da escravitude no Imperio británico no século XIX fixo que moita xente de Madeira emigrase ao Caribe, á Guaiana e a Trinidade e Tobago como man de obra, como proletarios que substituían aos escravos. Un troco nas forzas de produción, do feudalismo ao primeiro capitalismo salvaxe.

Fotos: escravas servindo, figuras de prata do século XVII expostas na Quinta das Cruçes en Funchal e exposición de arte africana no Jardim Tropical de Monte.

Socalcos




Madeira ante todo é unha paisaxe construída por persoas que ergueron bancais, escavaron levadas de auga dende as serras, que empoleiraron casas e pendellos nun relevo volcánico accidentado, compartimentado, todo risco, vaguada e cantil. Unha das paisaxes aterradas máis espectacular do mundo. Toda unha arquitectura monumental que semella anónima. Pero non é anónima. Detrás desa paisaxe están os verdadeiros protagonistas da historia de Madeira, guindados ás marxes dos libros de Historia, aqueles que non aparecen nas guías de El País Aguilar nin no Madeira History Center.

Un fortín




Como boa colonia, a historia presente de Madeira materializa a presenza do Estado. A arquitectura militar define o territorio político, como no Baixo Miño. Os fortes de San Tiago, do Pico, o Forte do Palácio de São Lourenço, o forte do Ilheu da Portinha... No Palacio de São Lourenço pódese ver unha excelente exposición sobre o Imperio colonial portugués dende 1419 até 1975 que axuda a comprender o desenvolvemento do primeiro capitalismo global na época moderna. Porque estes edificios no son só ferramentas poliercérticas ou metáforas do Poder, son o producto do capitalismo que precede á Revolución industrial. Nesta liña, a historia oficial de Madeira é unha historia de militares, piratas, comerciantes, xesuítas e exilados. Mais fóra diso, hai pegadas doutras realidades que xa son só Arqueoloxía, como estas marcas froito do pulido das baionetas da Modernidade. Neste senso, Madeira é un parque arqueolóxico en si mesma.

Prestixio



O xardín tropical en Monte é unha metáfora da Madeira do século XIX cando un tren cremalleira rubía dende a costa. Con parada de ferrocarril propia, santuario e residencia do cónsul británico, o espectacular xardín está adornado cunha secuencia de azulexos que explican ao visitante a historia de Portugal dende os tempos de Afonso Enriques. Igual que as árbores exóticas ou os peixes máis estranos, as pezas arqueolóxicas decoran a esenografía, entre elas un dolia da Lusitania romana do sñeculo III a. C. (sic) ou parte dunha estatua do emperador Augusto. Elementos que confiren prestixio a unha clase burguesa decimonónica detentadora do poder colonial.

Ab urbe condita




A imaxe oficial de Madeira é a dun paradiso que forma parte da nación portuguesa, unha colonia que non foi colonia pero que case foi colonia do Imperio británico. Un verxel cristianizado e humanizado polos portugueses. Unha illa que desenvolveu de xeito pioneiro o turismo de clase alta no século XIX. Unha historia de autobombo que non acaba de convencer de todo, se ollamos á paisaxe e á paisanaxe. Existen escuetas referencias, non fundamentadas, sobre restos da Idade do Bronce, que sería a ocupación máis antiga da illa. Eu non os vin. A Historia con maiúsculas comeza coa chegada dos colonos portugueses no século XV. Xa que logo, a Arqueoloxía aquí realmente non existe, e se o fai é para reproducir unha visión anticuarista e museística. Así pois, o parque arqueolóxico que hai en Madeira é un xardín na Quinta das Cruçes en Funchal no que se depositan de xeito decorativo ventás manuelinas, brasóns heráldicos e inscricións fundacionais de obras públicas a cargo de particulares esquencidos pola Historia.

Historia oficial




En Madeira non hai un Museo de Historia convencional, nin un Museo Arqueolóxico. Si conta cunha empresa privada que vén de montar unha exitosa recreación da historia oficial da illa, o Madeira Story Centre, a atración máis visitada polos turistas. Toda unha leción para aprendermos por onde van os tiros na xestión do Patrimonio hoxendía. A experiencia é totalmente positiva; un sae de alí coñecendo os persoeiros vencellados á illa, a historia de piratas e saqueos, a conversión de Madeira en paradiso turístico e exótico no século XIX... Moi importante son as biografías dos grandes homes que por aquí pasaron, Colón, a emperatriz Sisí, Carlos de Habsburgo, Churchill, todos os dictadores habidos e por haber, entre eles o Batista cubano. Un percorrido espectacular que remata nunha tenda soberbia no tocante ao márketing e a o merchandising. Todo moi anglosaxón. Como veremos, a influencia británica é tremenda no devalar histórico de Madeira. Loxicamente este discurso histórico agocha e enmascara realidades esenciais para comprendermos o que foi Madeira dende o século XV.

A boca do inferno



Os portugueses viron gazes que subian da boca do inferno. Chegaron aquí e converteron esta illa en fornecedora de madeira para as embarcacións coas que levaron a cabo a dourada época das descobertas, cando no continente a deforestación masiva remataba cos bosques de toda a vida. A illa de Madeira estivo vencellada a América, incluso antes de que fose descoberta polos europeos. Resulta abraiante poder ver como se instaura o feudalismo nun espazo virxe a comezos do século XV. As familias dos tres descubridores (Zarco, Vaz Teixeira e Perestrelo) organizarán o territorio dende 1420 e darán lugar a unhas castas nobres que se manterán no Antigo Rexime. Cristovo Colón estivo varios anos en Porto Santo como comercial dunha empresa azucareira xenovesa; mesmo o seu fillo Diego naceu aquí en 1482. Madeira é o proxecto motor, o campo de experimentación da odisea portuguesa en África e Asia. O bispo de Funchal sería o metropolitano de todas as colonias lusas de África occidental nos séculos XV-XVII. As familias dos colonos de Madeira estiveron presentes en todas as exploracións e conquistas trasatlánticas portuguesas.