31/10/08

Marina d'Or


Instalación artística de Bárbara Fluxá no Congreso Arqueolóxico Mundial en Dublín hai escasos meses. Toda unha reflexión sobre o lixo, os refugallos da sociedade contemporánea como elementos materiais que constitúen a paisaxe do presente.

20/10/08

Documental



Seguimos de promoción. Estades convidados e convidadas á presentación do documental O Neixón: historia viva dun castro no salón de actos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento de Santiago de Compostela. Cofinanciado polo CSIC e mailo Concello de Boiro foi dirixido por Lukas Santiago e xa está seleccionado para a fase final do VIII Festival de Cinema Arqueolóxico do Bidasoa (18-22 de novembro).

13/10/08

Foliada

O futuro dos libros é indescifrable. Uns esgótanse, outros rematan os seus días nas feiras de ocasión, guindados aos caixóns de a 1 euro. Hainos tamén que se reeditan e deveñen fitos na memoria colectiva dos lectores. Ás veces, convértense en xoia preciada para freakis ou en volumes de biblioteca pública que ninguén leu nin lerá nunca, coa súa ficha inmaculada, virxe e impoluta sen datas de devolución. Non sabemos que pasará con este libro de Neixón, pero agrada sobremaneira que comparta escaparate coa Casa de la Troya. Dous clásicos... da troula. Xa se sabe, 470 páxinas si que son unha foliada.

Fotografía: escaparate libraría Couceiro, Santiago de Compostela.

9/10/08

Os Castros de Neixón II



Mañá ás 20:00 horas no salón de actos do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (Rúa de San Roque 2, Santiago) terá lugar a presentación da monografía Os Castros de Neixón II: de espazo natural a paisaxe cultural. Serie Keltia, 40. Toxosoutos. Amig@s do blog arqueoneixón, estades todos convidados.

8/10/08

Xente barrosa, pasado borroso


Nace el Búbal en Galicia, corre luego por territorio portugués, paralelo y muy próximo a la frontera, que cruza más tarde para desaguar en el Támega, entre Vilaza y Verín. En su vertiente portuguesa está el concejo trasmontano de Montalegre, cuyos habitantes son conocidos con la denominación de 'barrosos' y tiene fama de rústicos y mal acomodados.

(Xesús Taboada Chivite, 1955)

Fotografía: público expectante na inauguración de novos equipamentos na sé dos Bombeiros Voluntários en Salto (Montalegre, Tras-os-Montes). (Fot. de Xurxo Ayán).

6/10/08

O guerreiro de Lesenho

Na praza do concello de Boticas, un hórreo tradicional comparte protagonismo escenográfico cunha réplica do guerreiro de Lesenho, co seu torques ao pescozo, tan divinizado no pasado como reconvertido en icono protohistórico que ilumina o presente da vila.

Guerreiros castrejos

Na veciña vila de Boticas poderedes ver, xuntos, algúns dos guerreiros galaicos máis espectaculares dos atopados no NW hispánico. Para as autarquías a chamada cultura castreja é un recurso turístico de primeira orde e un elemento identitario importante.

Avangarda barrosa

Fondos europeros ben empregados. Sinalizacións de todo o Patrimonio da bisbarra. Chalets e casas pechados até o vindeiro verán. Moedas de euros de Luxemburgo. Un mundo que deaparece pero que tamén se renova, como o amosa a obra de arte aparcada nunha praciña de Montalegre.

Tecedeira




Na inauguración do ecomuseo mulleres do pobo daban vida a vellos trebellos, facían renacer coas súas mans antigos oficios e petrucias práticas culinarias. Diante da tecedeira, os arqueólogos comentan:
Arqueólogo 1 (leído/engreído): mira a velliña, de figurante, como se estivese nun zoo.
Arqueólogo 2 (postmoderno): pois creo que os figurantes somos nós. Esta muller está encantada da vida, vendo que hai xente que aprecia o que sabe. Nós, en cambio, somos os congresistas (turistas-culturais-en-potencia) aos que hai que entreter antes do xantar.
Arqueólogo 3 (o listo): dicide o que queirades pero os calcetíns de lá que acabo de mercar (feitos pola señora 1) e o pan de broa (feito pola señora 2) xa me alegraron o día. Aquí, todos contentos.

Tras-os-Montes


Inauguración dun polo do Ecomuseu en Salto (Montalegre) na casa fidalga do Capitâo, o pasado sábado. O espírito da exposición etnográfica pode levarnos a procura-lo tópico, mais non, o grande valor deste sitio é que souberon contar coa comunidade local, partícipe activa e entusiasta no labor de divulgar e comparti-lo Patrimonio material e inmaterial destas terras barrosas.

Fotografía: Xurxo Ayán.

2/10/08

A banalidade do mal


Preparando a nosa comunicación sobre a Arqueoloxía transfronteiriza de X. Taboada Chivite para o congreso que dá inicio mañá en Montalegre (Tras-os-Montes) http://congresso.arqueologia.montalegre.googlepages.com/ dimos coas actas do IIIº Congreso Nacional de Arqueología levado a cabo en Galicia en 1953. Nesas páxinas inzadas de nacionalcatolicismo fascistoide atopamos unhas declaracións do presidente do Congreso, o almirante Bastarreche, salvador de Pontevedra durante o Alzamiento, que, polo seu surrealismo, creo que poden pasar aos anais da memoria histórica da guerra civil en Galicia:

En Pontevedra, en momentos apurados en que se jugaba el interés de España y había que tomar una determinación la tomamos; vinimos al Gobierno Civil donde reinaba un gran desbarajuste, donde todos querían lanzarse a la calle con un arma y nos volvimos a Marín convencidos de que era necesario declarar el estado de guerra. Envié un avión de los que estaban a mis órdenes con una carga de bombas que pesaban diez quilos y que entonces asustaban. Cuando se disparó un cañonazo al aire, aquello se deshizo. Agradezco mucho al Presidente de la Diputación que recuede aquellos momentos tremendos y emocionantes. Cuando me fuí de Pontevedra a mandar el 'Canarias' me hicieron una despedida apoteósica y en un discurso pronunicado desde el balcón del Ayuntamiento dije que volvería al cabo de tres meses, que era lo que se calculaba que duraría nuestra guerra, y ofrecí que a su término volvería a Pontevedra a tomar la clásica empanada y el buen vino de la tierra; y cuando volví, tres años después, me obsequiaron en el 'Lérez' con una empanada que tenían que llevarla entre seis personas.

Non, non é Gila nun escenario falando co inimigo, é a banalidade do mal disfrazada de científico, aséptico e rigoroso congreso de Arqueoloxía.

VV.AA. 1955. Congreso Nacional de Arqueología (3º, Galicia, 1953): páx. 26. Zaragoza: Fundación Fernando el Católico.

1/10/08

Encounters in the Ditch




O martes pasado, Rafael Rodríguez presentou en Roma, no XVII International Congress of Classical Archaeology, a comunicación Encounters in the ditch: ritual and the middle ground in an iron Age hillfort in Galicia (Spain) cofirmada con Alfredo González Ruibal e Xurxo M. Ayán Vila. O estudo abrangue unha suxerente síntese interpretativa do Castro Grande de Neixón coma un espazo ritualizado de negociación entre a xente dos castros e os comerciantes púnicos, como así parece corrobora-lo o rexistro arqueolóxico exhumado nos foxos e nas foxas do interior do recinto superio do xacemento.
En breve dispoñeredes da versión en castelán no apartado de produción científica.

Fotografía: documentación dun depósito cerámico no tramo de foxo 01 (campaña de 2007).