29/11/07

Congreso de Ciudad Real


No apartado de producción científica podedes descargarvos xa a ponencia presentada por César Parcero e Xurxo Ayán no Congreso Sistemas de Almacenamiento y conservación de alimentos entre los pueblos prerromanos peninsulares organizado en Ciudad Real o 21-22 de novembro de 2007 pola Facultad de Letras da Universidad de Castilla-La Mancha. Esta ponencia (Almacenamiento, unidades domésticas y comunidades en el noroeste prerromano) recolle unha lectura social e diacrónica do rexistro arqueolóxico do NW dende a Prehistoria Reciente deica época altomedieval a través da análise arqueolóxica das prática de almacenamento de cereal. Na mesma expoñemos a nosa interpretación do conxunto de foxas documentado no recinto superior do Castro Grande de Neixón.

15/11/07

Ciencia Nosa


Dende hoxe podedes ve-lo documental gravado a finais de xullo de 2007 por un equipo do programa da TVG, Ciencia Nosa, sobre o proxecto de Neixón e mailo campo de traballo internacional. O documental foi emitido o pasado 21 de outubro.

12/11/07

Memoria


Este graffiti nunha das paredes do campo de Bustarviejo demostra que á parte das miserias políticas, neste país a xente leva anos tentando non esquencer. Xa se sabe. Os netos e mailos avós establecen azos e liñas de comunicación transxeneracionais que superan os traumas e os medos da xeración dos pais. Unha homenaxe fermosa, sen necesidade de dar nomes ás rúas ou erguir estatuas deseñadas polo escultor de culto ou de turno.

O traballo farávos libres


Campo de redención de penas franquista de Bustarviejo, na serra de Madrid. Unha mostra máis da arquitectura do horror e da represión. O arco da entrada insírese perfectamente na arquitectura concentracionaria fascista. Ruínas arqueolóxicas vivas dun pasado recente que cómpre recordar. Un equipo dirixido por Alfredo González Ruibal da Universidade Complutense vén de iniciar o estudo sistemático dun sitio no que foron obrigados a sofrir e morrer aqueles que non "vivían o franquismo con normalidade" (http://humanitieslab.stanford.edu/GonzalezRuibal/1206).

Fotografía: Xurxo Ayán.